luns 18/10/21

O Supremo volve castigar os presos políticos cataláns: tomba o terceiro grao

O Tribunal Supremo español revogou o terceiro grao e o artigo 100.2 aos presos e presas políticas cataláns, encarceradas a raíz do referendo do 1 de outubro de 2017.

Concentración de apoio onte ás portas da prisión de Lledoners (Catalunya) á entrada dos presos do procés.
Concentración de apoio ás portas da prisión de Lledoners (Catalunya) á entrada dos presos do procés este verán.

O Tribunal Supremo español vén de privar do terceiro grao e do artigo 100.2 aos presos e presas políticas catalás. Asegura, a respecto do terceiro grao, que se outorgou de maneira "prematura". En relación ao 110.2 argumenta que carece de conexión cun "proceso de reinserción".

A decisión do Supremo devolve á prisión hoxe a Carme Forcadell e Dolors Bassa, que xa non poderán saír de Wad-Ras i Puig de les Basses. Os presos de Lledoners continuarán igual, pois xa se lles deixara en suspenso o réxime de semiliberdade á espera da decisión do alto tribunal, que chegou hoxe, tras catro meses de silencio.

Desta maneira, os líderes independentistas encarcerados volverán ao segundo grao sen posibilidade, de momento, de saídas baixo o amparo do artigo 100.2 e afectados, como o resto de presos, polas restricións motivadas pola Covid-19 e que implican en máis de 20 horas na cela.

Para saíren da cadea só poderán recorrer a permisos ordinarios, aos que teñen acceso quen cumpriron unha cuarta parte da condena, é dicir, Jordi Cuixart, Jordi Sánchez, Joaquim Forn e Josep Rull.

A sala afirma que antes de outorgar o terceiro grao ou o 100.2 é necesario que pase "un período de tempo maior para avaliar de maneira axeitada a evolución do interno e mais o tratamento penitenciario". Neste sentido lembra que as presas e presos foron sentenciados entre 9 e 13 anos de prisión e que "ningún cumpriu a metade da pena".

A respecto do terceiro grao, a sala que preside Manuel Marchena fai seus os argumentos da Fiscalía, que se opuxo de maneira sistemática a todas as vías para flexibilizar a condena.

Que alternativas lles quedan?

Sen o artigo 100.2 e sen o terceiro grao, os líderes independentistas poden recorrer a tres alternativas para saír da prisión. Unha delas é o indulto, outra é a da reforma da sedición -pendente de tratar no Congreso- e a outra, a amnistía, que requiriría dunha maioría absoluta no Congreso.

comentarios