O Supremo de Venezuela concede arresto domiciliario a Leopoldo López

A decisión responde a razóns humanitarias por “problemas de saúde” do dirixente político, segundo informou o tribunal. O líder opositor abandona o cárcere de Ramo Verde onde cumpriu condena durante os últimos tres anos.

leopoldo lopez

O Tribunal Supremo de Venezuela concedeu esta pasada madrugada o arresto domiciliario a Leopoldo López, líder do partido opositor Voluntad Popular, que abandona o penal de Ramo Verde, no estado de Miranda, despois de ser condenado en setembro de 2015. A decisión responde a razóns humanitarias, segundo informou a xustiza venezolana. 
 

“En virtude da información recibida sobre a situación de saúde do dirixente político, o maxistrado ponente considera axustado a dereito outorgar unha medida humanitaria a López”, sinala o tribunal. O líder opositor foi declarado culpable dos delitos de instigación a delinquir, danos á propiedade estatal, homicidio intencional cualificado e intimidación pública. Foi condenado a 13 anos, nove meses e sete días de prisión pola xustiza, considerado o artífice dos protestos do ano 2014 contra o goberno bolivariano que deixaron 43 persoas mortas, 800 feridos e importantes danos materiais. 
 


A saída de prisión de López foi anunciada primeiro por un dos seus avogados, o español Javier Cremades, a través das redes sociais. Unha información que foi confirmada horas despois polo círculo próximo do propio dirixente político. “Se manter a miña convicción de loita pola liberdade significa correr o risco de volver a unha cela en Ramo Verde estou disposto a asumilo”, afirmou nunha mensaxe lida publicamente polo deputado opositor Freddy Guevara. López chamou a manter as mobilizacións, que nas últimas semanas escalaron en intensidade. 
 

Pola súa banda, o ministro de Defensa de Venezuela, Vladimir Padrino, valorou a medida como un paso cara o diálogo político e como unha mostra da vontade do goberno de Nicolás Maduro para conseguir frear a violencia no país. “Producto da tolerancia, do diálogo, da altura política do líder da revolución bolivariana e presidente da República", salientou. Mentres, o defensor do pobo, Tarek William Saab, confirmou que a medida responde a unha decisión unilateral do Estado venezolano. 

Comentarios