O fiscal pide a prisión incondicional para Junqueras e os consellers agás Santi Vila

A xuíza terá de decidir se aceita a petición do Ministerio Público, cousa que si fixo no caso dos Jordis. Todos os membros do Govern, menos o demisionario Santi Vila (non partidario da DUI), están no albo de José Manuel Maza. Mentres, o Supremo suspende a declaración dos membros da Mesa do Parlament e decreta a súa vixilancia policial.

Junqueras

O Tribunal Supremo suspendeu até o 9 de novembro, quinta feira da vindeira semana, as declaracións da presidenta e membros encausados da Mesa do Parlament. É unha petición dos avogados da defensa para traballar con máis calma a causa da presión recibida e a celeridade coa que foron citados a declarar.

Os letrados pediron tempo para preparar a defensa e copia da documentación da causa. O Supremo aceptou a petición da Fiscalía de vixiar policialmente Carme Forcarell e resto de membros da Mesa até o 9 de novembro. En concreto, será un control telefónico para asegurar que non fuxen. Ademais, han de facilitar o seu enderezo.

Na Audiencia Nacional están a ser xulgados os membros do Govern formalmente destituídos polo Consello de Ministros español, ao teren perdido así a súa condición de aforados.

 A estratexia do Govern é que parte do executivo acudise á chamada da xuíz, en tanto que Puigdemont e 4 consellers se mantivesen en Bruxelas. Denúnciase así por unha banda o carácter político do xuízo e presérvase o rol do president como altofalante da socialización internacional do conflito, tarefa moito máis doada de acometer se se fai desde a capital da Unión Europea.

Este movimento táctico pode, alén do máis, perseguir que Junqueras e o resto dos consellers que si comparecen esta quinta feira podan participar na campaña eleitoral do 21-D, sempre e cando a xuíza non dicte contra eles unha medida cautelar que resulte na súa prisión incondicional, tal e como fixo a Audiencia Nacional cos líderes da ANC e Òmnium Cultural, Jordi Sànchez e Jordi Cuixart.

É evidente que na sesión do 27-O en que se produciu a DUI en ningún momento nen Puigdemont nen o resto de membros do seu gabinete utilizaron a violencia. Tampouco cabería a imputación por sedición porque non ten habido ningunha incitación aos tumultos para subverter a legalidade española, sendo que as mobilizacións independentistas se teñen conducido por vieiros absolutamente pacíficos.

Comentarios