O Supremo ordena repetir o xuízo a Otegi, anulado polo Tribunal de Dereitos Humanos

O TEDH condenou España por violar dereitos fundamentais dos acusados.

Arnaldo otegi bateragune
photo_camera Arnaldo Otegi nunha comparecencia.

O Tribunal Supremo acordou por unanimidade que se xulgue de novo a Arnaldo Otegi, Rafa Díez, Sonia Jacinto, Miren Zabaleta e  Arkaitz Rodríguez polo ‘caso  Bateragune’ na Audiencia Nacional española. É a primeira vez que se repite un xuízo anulado por Estrasburgo.

A sentenza fora anulada polo Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH), que considerou vulnerado o dereito de Otegi de outros condenados a un xuíz imparcial. A decisión tomouna por unanimidade o pleno da Sala Segunda do Tribunal Supremo tras a indicación da Fiscalía, que tamén pediu xulgar de novo a Otegi.

Nese xuízo, Otegi foi condenado por un delito de pertenza a ETA. Estivo preso seis anos e medio no cárcere de Logroño e, unha vez fóra, o Tribunal Supremo anulou a súa sentenza en cumprimento da decisión do TEDH cando aínda tiña dous anos de inhabilitación.

Ao día seguinte da decisión do Tribunal Supremo de anular a sentenza, o avogado dos cinco condenados, Iñigo Iruin, subliñou que a Lei orgánica do poder xudicial establece que no caso de "erro xudicial" non é necesaria outra sentenza que recoñeza este erro porque a sentenza do Tribunal Supremo xa o fai "tacitamente", polo que anunciou que reclamarán "responsabilidade patrimonial do Estado" e a indemnización correspondente.

Iruin explicou que as resolucións do Tribunal de Estrasburgo son "legalmente vinculantes" para os estados, pero "non executivas", polo que corresponde aos tribunais nacionais determinar como se aplican.

Otegi expresou a través das redes sociais as primeiras declaracións a raíz da decisión do Supremo: "Ni nos domaron, ni nos dobraron, ni nos van domesticar! Gañaremos". 

Tamén nas redes sociais, Arkaitz Rodríguez, outro dos concenados no caso Bateragune: "12 anos despois da nosa detención, tras pasar no cárcere 6 anos de forma absolutamente inxusta e ilegal, tras unha anulación europea e sen que sequera exista xa esa organización, decidiron volver xulgarnos por pertenza a ETA. Democracia? Que democracia?".

Comentarios