O president non podería ser xulgado por rebelión

O Supremo inclínase por aceitar o fallo alemán e pedir a extradición de Puigdemont por malversación

A xustiza española dá por boa a actuación da alemá en relación ao caso Puigdemont. Non apresentará recursos contra a decisión do tribunal de Schleswig-Holstein por medio da cal exonérase o president do delito de rebelión. O Supremo inclínase por manter a petición de extradición do líder de JxCat, limitada agora á malversación, segundo fontes do tribunal consultadas por El País. Se así for, Puigdemont non podería ser xulgado por rebelión en España.

puig
photo_camera Puigdemont

Perante a decisión do tribunal de Schleswig-Holstein, abríanse dous cenarios para a xustiza española. O primeiro, a retirada da euro-orde (tal e como xa fixo o xuíz Llarena perante as autoridades belgas). Destarte, deixaría as portas abertas para xulgar Puigdemont por rebelión. O segundo, manter a petición da extradición, só que limitada ao delito de malversación de caudais públicos. Neste caso -e de se consumar a entrega por parte das autoridades alemás- Puigdemont non podería ser xulgado por rebelión en España e a instrución de Llarena -baseada no mito da insurrección violenta contra o estado- viríase abaixo como un castelo de naipes.

Todo indica que o tribunal español optará por este último cenario. A idea é non demorar máis o asunto e xulgar Puigdemont en España por malversación agravada de caudais públicos, un ilícito penal que pode resultar nunha pena de prisión de até 12 anos. De acordo coas estimacións do xuíz Llarena, o desbaldimento de fondos públicos -o seu uso indebido para o referendo do 1 de outubro, un fin tido por ilegal polas autoridades xudiciais españolas- ascendería a 1,6 millóns de euros.

Á xustiza española preocúpalle especialmente que, ao non poder procesar Puigdemont polo delito de rebelión, este non poda ser punido coa pena de inhabilitación para o exercicio dun cargo público. Tamén sería problemático dictar contra el orde de prisión provisional ao non se poder argüir o risco de reiteración delictiva (hipoteticamente non podería voltar a cometer o pretenso delito de malversación ao non dispor xa dun cargo executivo), embora os precedentes no modus operandi de Llarena convidan a pensar que a xustificaría alegando o risco de fuga.


 

Comentarios