sábado 22.02.2020

O Tribunal Supremo desouve a Fiscalía e mantén inhabilitado o president Quim Torra

En contra do parecer expresado pola defensa e polo Ministerio Fiscal, a sala terceira do Tribunal Supremo español acordou de maneira unánime manter vixente a inhabilitación do president da Generalitat, Quim Torra, como deputado do Parlament de Catalunya. 
O president Quim Torra afirmou onte que continúa a ser deputado e president (Imaxe: Europa Press)
O president Quim Torra afirmou onte que continúa a ser deputado e president (Imaxe: Europa Press)

Por unanimidade de todos os seus membros, a sala terceira do Tribunal Supremo (TS) español decidiu nesta quinta feira, 23 de xaneiro, manter en vixencia a resolución da Xunta Electoral Central (XEC) do pasado 3 de xaneiro que ordenaba a inhabilitación como deputado da Cámara catalá do president da Generalitat, Quim Torra. 

"Non mudou nada e non retrocederemos", anunciou onte Torra desde Girona ao coñecer a resolución. Desta maneira deixou claro que non asume a sentenza e que ten a vontade de continuar como no escano e como president. 

A sala terceira do TS non atendeu o criterio da defensa de Torra nin da Fiscalía, que propuñan deixar en suspenso a inhabilitación ordenada pola XEC mentres o propio Supremo non se pronunciase sobre un recurso de Torra contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya, que á súa vez o condenou en decembro a un ano e oito meses de inhabilitación. 

A causa das resolucións e dos recursos atópase no mesmo conflito: cando o president non atendeu o criterio da Xunta Electoral de retirar do edificio do Govern unha faixa con lazos amarelos en solidariedade coas presas e presos políticos. 

Agora, á espera de que o Supremo tamén decida sobre o fondo da causa, é dicir, sobre o recurso contra a sentenza de inhabilitación do Tribunal de Xustiza de Catalunya, as liñas que se abren para Torra e o Parlament son o non recoñecemento das resolucións, ou aceptar a inhabilitación como deputado mais continuar como president, ou ben deixar ambos os postos, xa que o Estatut catalán marca a necesidade de que o mandatario sexa tamén membro da Cámara. 

O Parlament xa rexeitou o pasado día 4 de xaneiro facer efectiva a orde da XEC e defendeu a permanencia de Torra como deputado e como mandatario.

Nese sentido pronunciouse esta terza feira a ministra de Defensa do Goberno español, Margarita Robles, quen subliñou que a sentenza invalida Torra como deputado mais non como president. Pola súa banda, Pedro Sánchez suxeriu que manterá a reunión programada con Torra, en calidade de president, pese a que declinou anunciar a data da cimeira.

O PP ameaza  con inhabilitar Torrent

Afondando na vía punitiva e na xudicialización do conflito político, o secretario xeral do PP catalán, Daniel Serrano, ameazou con inhabilitar o president da Cámara, Roger Torrent, de non acatar a decisión do Supremo e de, por tanto, non destituír o 
president de Catalunya, Quim Torra. 

"Imos ver que inventa agora o bravo president do Parlament Roger Torrent para non asumir e acatar que Quim Torra xa non é deputado e que non poderá votar no pleno, salvo que queira rematar como el, que todo é posíbel", afirmou o popular. 
 

comentarios