Xustiza

O Supremo confirma a sentenza á trama Gürtel pola visita do papa

A causa está vinculada ao financiamento irregular do PP, e intégrase nunha vaga de xuízos que afectan aos integrantes da trama.

Pablo Crespo en febreiro. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)
photo_camera Pablo Crespo en febreiro. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)

O Tribunal Supremo español ratificou esta segunda feira o veredicto da Audiencia Nacional que condena 19 persoas por desviar fondos públicos no contexto da organización da visita do papa naquela altura, Bieito XVI, a València en xullo de 2006, unha das causas da trama Gürtel, que investiga actos de corrupción vinculados ao financiamento ilegal do Partido Popular (PP).

A trama estaba liderada polo empresario Francisco Correa e polo ex secretario de Organización do PP na Galiza, Pablo Crespo, condenados a 13 anos e 7 meses de prisión e a 15 anos e 5 meses respectivamente por prevaricación, malversación, fraude, falsidade en documento oficial, branqueo de capitais e delitos contra a Facenda Pública.

A sentenza afirma que a trama impulsou unha serie de actuacións para conseguir de forma irregular as concesións relativas á visita do eclesiástico, coordinándose con Juan Cotino, membro do Executivo do País Valencià no mandato do PP, e outras persoas para recibir as adxudicacións, nun tramite simulado para que Teconsa, unha empresa de Correa, fose a elixida.

Para iso executouse o proceso por medio da cadea pública Radiotelevisió Valenciana, cuxo ex director xeral, Pedro García Gimeno, agora condenado a máis de seis anos de prisión, concedeu un contrato a dedo por un importe “moi superior ao custo real dos traballos necesarios para a súa execución”, recolle a condena.

En todo caso, os membros da trama defraudaron até 1,3 millóns de euros que se repartiron entre os implicados, nun caso vinculado co financiamento ilegal do PP e coa existencia dunha contabilidade paralela que quedou ratificada por unha sentenza da Audiencia Nacional.

Contabilidade paralela

Crespo xa admitira que “todos os presidentes e secretarios xerais do PP” coñecían a caixa B xestionada polo tesoureiro da formación, Luis Bárcenas, que repartía as doazóns e achegas irregulares por parte de empresarios con “sobresoldos a políticos, cargos públicos afastados da política e a xornalistas”, amais de sufragar até 65% das campañas electorais dos conservadores.

Nese punto, Correa tamén subliñou que as súas empresas se encargaban das campañas electorais sufragadas con pagos irregulares, algo que tamén asegurou Ricardo Costa, ex secretario xeral do PP no País Valencià, detallando que amais dos pagos procedentes da contabilidade paralela tamén se efectuaron facturas ficticias para xustificar os gastos.

Comentarios