domingo 09/08/20
CONDENADOS POR SEDICIÓN

Tribunal Supremo condena a 100 anos de cárcere ás líderes independentistas catalás

Oriol Junqueras afronta a pena máis dura: 13 anos de prisión por sedición e malversación ademais de inhabilitación absoluta. 

Foto: Europa Press
Foto: Europa Press

Xa hai sentenza do Tribunal Supremo. Após días de filtracións e de especulacións, o TS deu a coñecer as penas, que van entre 9 e 13 anos de prisión aos 9 líderes independentistas condenados por ‘sedición’. O ex vicepresidente da Generalitat, Oriol Junqueras, afronta a condena máis dura: 13 anos de cárcere e inhabilitación absoluta.

Para Raül Romeva, Jordi Turull e Dolors Bassa o alto tribunal impón penas de 12 anos de cárcere e de inhabilitación absoluta. Conxuntamente con Junqueras están condenados por sedición cun delito de malversación de fondos públicos. 

Carme Forcadell foi condenada por un delito de sedición cunha pena de 11 anos e medio de prisión e ao mesmo tempo inhabilitación absoluta; e Joaquin Forn e Josep Rull a penas de 10 anos e medio de cárcere e tamén inhabilitación. Pola súa parte, Jordi Cuixart e Jordi Sànchez foron condenados polo Supremo a 9 anos de prisión cada un deles e outros tantos de inhabilitación.

Polo que respecta a Santi Vila, Meritxel Borràs e Carles Mundó, son condenados por un delito de desobediencia a penas de 10 meses de multa a 200 euros diarios. Tamén os condena a un ano e 8 meses de inhabilitación. A sentenza absolve dos delitos de malversación Forn, Rull, Vila, Borràs e Mundó.

A sedición, artigo 544 do Código Penal, consiste en alzarse pública e tumultuariamente para impedir, pola forza ou fóra das vías legais, a aplicación de leis ou un mandato xudicial. A diferenza do delito de rebelión, na sedición o código considera que a violencia é colateral.

Nega o dereito de autodeterminación

Os maxistrados na sentenza tamén rexeitan o dereito de autodeterminación que defenderon as persoas acusadas durante o xuízo. "Non existe tratado internacional que codificase o dereito a decidir. Todo movemento de secesión unilateral nunha sociedade que fai súas a Convención dos Dereitos Humanos de 1951 e a Carta de Dereitos de Lisboa de 2010 é por definición un movemento antidemocrático porque antidemocrático é destrozar as bases dun modelo constitucional para construír unha república identitaria na que o pluralismo ideolóxico e político non están garantidos". 

En Ampliación

comentarios