Xustiza

O Supremo arquiva a causa por terrorismo contra Puigdemont... mais o xuíz que investiga a "trama rusa" denégalle a amnistía

O xuíz Joaquín Aguirre segue adiante coa 'trama rusa' do 'procés' e denega a amnistía ao ex president Puigdemont e os outros 12 investigados na causa argumentando que poderían incorrer en delitos de alta traizón e malversación. Agora engade un novo ilícito de pertenza a organización criminal.
O ex president catalán Carles Puigdemont. (Foto: Glòria Sánchez / Europa Press)
photo_camera O ex president catalán Carles Puigdemont. (Foto: Glòria Sánchez / Europa Press)

A xuíz do Tribunal Supremo (TS) a cargo da instrución do 'caso Tsunami Democràtic' acordou esta terza feira o arquivo da causa penal aberta por terrorismo contra o ex president catalán Carles Puigdemont e o deputado de ERC no Parlament Ruben Wagensberg. A maxistrada Susana Polo adoptou esta decisión tras recibir o auto polo que o xuíz da Audiencia Nacional Manuel García-Castellón arquivou a causa de 'Tsunami', despois de que a Sala do Penal invalidase todas as dilixencias acordadas nos últimos tres anos porque se prorrogou a investigación o 30 de xullo de 2021, 24 horas fóra de prazo.

Nun auto datado desta mesma terza feira, Polo precisou que o 29 de xullo de 2021 era o "límite temporal" para realizar dilixencias de investigación e que antes de dita data "non se acordou nin tomou declaración a ningún dos investigados —tampouco tivo lugar a dos aforados na presente causa—, o que impide que as actuacións poidan continuar polos trámites do procedemento abreviado".

A instrutora explicou que a decisión de García-Castellón de arquivar a causa na Audiencia Nacional "sen dúbida afecta o procedemento"  aberto no Supremo. En concreto, porque a exposición razoada que o xuíz instrutor elevou en 2023 ao alto tribunal foi ditada fóra do prazo fixado pola lei.

"Como é sabido, as posteriores dilixencias, realizadas fóra do prazo preclusivo marcado na lei para a realización de actos de investigación xudicial, deben ser apartados do proceso e non servirán para conformar a decisión sobre a prosecución das actuacións", sinalou. Así as cousas, explicou que, "de conformidade" co que fixa a lei, o pertinente é decretar o sobresemento provisional e arquivo das actuacións para Puigdemont e Wagensberg.

Non chegou a interrogar Puigdemont

Nin o ex president catalán nin o deputado de ERC no Parlament chegaron a declarar de forma voluntaria ante o Supremo. A xuíz citáraos para que comparecesen por videoconferencia entre o 17 e o 21 de xuño, pero ante a aprobación da Lei de amnistía e a súa eventual entrada en vigor a instrutora acordou suspender ditas declaracións.

Posteriormente, a maxistrada instrutora preguntou ás defensas e as acusacións se vían pertinente consultar ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea —a través dunha cuestión prexudicial— sobre a posibilidade de amnistiar o terrorismo atribuído a Puigdemont e Wagensberg. A defensa do ex president catalán presentou un escrito esta mesma terza feira no que aseguraba que non tiña inconveniente con que se consultase a Xustiza europea. Finalmente, con todo, a xuíza optou tamén por arquivar a causa.

O xuíz Aguirre segue adiante coa 'trama rusa'

Nesta mesma xornada o titular do Xulgado de Instrución 1 de Barcelona, Joaquín Aguirre, que investiga a denominada 'trama rusa' do 'procés', denegou a amnistía ao ex president Puigdemont e os outros 12 investigados na causa argumentando que poderían incorrer en delitos de alta traizón e malversación, e engade un novo ilícito de pertenza a organización criminal.

No auto, o xuíz acorda remitir esta causa ao Tribunal Supremo e argumenta que estes delitos non quedarían amparados pola medida de graza. O xuíz Aguirre elevou a causa ao alto tribunal dado que dous dos investigados nesta causa, Carles Puigdemont e Francesc Dalmases, que é deputado por Junts no Parlament de Catalunya, son aforados.

No auto, o xuíz entende "acreditado" que os investigados mantiveron contactos con individuos próximos aos servizos de intelixencia rusos e ao Goberno da Federación Rusa, e que ambas as partes buscaban "obter un beneficio". No caso de Rusia, prosegue Aguirre, o 'procés' era "unha ferramenta perfecta" que lle podería axudar a "avanzar nos seus obxectivos estratéxicos contra Occidente", pois aínda que fracasase "a simple existencia do conflito e a consecuente desestabilización dun país membro da OTAN xa representaban unha vitoria notábel para os intereses de Rusia".

Por outra parte, no caso de que Catalunya obtivese a independencia do Estado español con apoio de actores estranxeiros, Rusia contaría "cunha porta traseira" para "desestabilizar toda a Unión Europea", asegura o maxistrado.

Comentarios