O Supremo abre a porta a tombar o terceiro grao dos presos do procés

O alto tribunal suspende o réxime de semiliberdade outorgado a Carme Forcadell previo a lograr o terceiro grao. 
A ex presidenta do Parlament, Carme Forcadell, nunha saída do cárcere de Mas d'Enric, en El Catllar (Tarragona) (1)
photo_camera A ex presidenta do Parlament, Carme Forcadell, nunha saída do cárcere de Mas d'Enric, en El Catllar (Tarragona).

O Tribunal Supremo (TS) español considera que o permiso penitenciario para saír a traballar outorgado á  presa independentista e ex presidenta do Parlament de Catalunya, Carme Forcadell, carece de xustificación. Así mesmo, na súa resolución da quinta feira, 23 de xullo, o alto tribunal estabelece que a competencia para resolver os recursos de apelación do artigo 100.2 do regulamento penitenciario (grazas ao que Forcadell gozou de réxime de semiliberdade antes de serlle concedido o terceiro grao) é do propio tribunal que sentenciou,ou sexa, do propio Supremo. 

Desta maneira, o auto sostén que a competencia para decidir a clasificación das e dos presos é o tribunal sentenciador, neste caso o TS, feito que abre a porta a que os seus maxistrados tamén acaben decidindo e quizais suspendendo os terceiros graos que foron concedidos ás presas e presos do procés e que a pasada fin de semana comezaron a desfrutar. 

Foi o Xulgado de Vixilancia Penal de Lleida quen aprobou a aplicación do artigo 100.2 a Forcadell, condenada a 11 anos de prisión por un delito de sedición. Porén, o auto do TS, do que é relator o xuíz do procés Manuel Marchena, estima o recurso presentado pola Fiscalía e revoca para Forcadell a aplicación do 100.2 "por falla de xustificación e desconexión coa reinserción". Considera así o TS que non hai ligazón entre o programa de tratamento aprobado, consistente en tarefas de voluntariado e acompañamento a un familiar fóra da prisión, coa reinserción. Con todo, polo de agora, Forcadell, si poderá gozar do terceiro grao que lle foi concedido alén do 100.2.

"Non me sorprende, deste tribunal non espero xustiza, sei que é vinganza", escribiu nun chío Carme Forcadell, ao tempo que alertaba da intromisión do TS alén das súas funcións, recalcando que a competencia sobre a aplicación do artigo 100.2 do Regulamento Penal que permite saídas para traballar e facer voluntariado "é competencia" da Audiencia Provincial e non do Supremo.

Un xuíz investiga até 169 cataláns

O titular do Xulgado de Figueres (Catalunya) investiga até 196 persoas polo bloqueo, nun acto do movemento Tsunami  Democràtic, da fronteira con Francia. As 169 persoas están a ser investigadas por presuntos  delitos de "desordes" e "danos" durante o corte da autoestrada ao longo dos días 11 e 12 de novembro de 2019, após coñecerse a sentenza condenatoria aos líderes do procés. 

Ante esta situación e logo de que o Tribunal Supremo (TS) se declarase competente para decidir sobre os permisos penitenciarios das persoas que o propio TS condenou no xuízo do procés, o president da Generalitat, Quim Torra, fixo un chamamento ao "salto colectivo de todo o independentismo, tanto institucións como sociedade civil". Asegurou Torra que o feito de que "no Estado español ningún independentista poida atopar xustiza é algo que xa se sabía. Que España non recoñecerá o dereito á autodeterminación, tamén. E entón? Entón todo depende do salto conxunto de todo o independentismo", aseverou o president catalán.

Comentarios