Sen superviventes no sinistro dun avión perto de Moscova con 71 persoas a bordo

A aeronave pertencía a unha compañía á que en 2015 lle foi denegado o permiso para realizar voos internacionais.

Screen Shot 2018-02-11 at 19.32.56
photo_camera Restos do avión sinistrado nunha imaxe tomada por Russia Today

65 persoas compuñan a pasaxe, 6, a tripulación. Todas elas terían falecido no sinistro, segundo a axencia de noticias Tass. A aeronave desapareceu dos radares do aeroporto de Moscova pouco despois de despegar rumo a Orsk, nos Montes Urais, ben perto da fronteira con Cazaxistán. O piloto tería advertido aos controladores aéreos da existencia dun problema técnico e da súa intención de realizar unha aterraxe forzosa. Foi a última comunicación co avión sinistrado.

A aeronave -un aparato de Saratov Airlines de 7 anos de antigüidade- foise estrelar a uns 80 quilómetros da capital rusa.

En 2015, unha inspección por surpresa das autoridades de aviación detectou unha persoa non autorizada na cabina de pilotaxe dunha das aeronaves de Saratov Airlines, polo que a compañía foi punida cun ano de expulsión do circuíto dos voos internacionais. En 2016, cumprido o castigo, as súas aeronaves voltaron a voar fóra do espazo aéreo ruso.

Moscova anunciou unha pesquisa para determinar as causas deste sinistro.

Comentarios