Sunitas e chiitas, o conflito entre Arabia Saudí e Irán

A confrontación entre ambas as dúas correntes do Islam reflicte a tensión política na rexión. 

Charge

O conflito xurdiu, apuntan as bibliografías, após o pasamento de Mahoma cando cumpría decidir quen sucedería ao profeta á fronte da comunidade musulmá, como califa. 

Neste senso, sunitas e chiitas representan dúas correntes de pensamento distintas dentro do Islam. Dunha banda, os chiitas, aqueles que crían que a sucesión ficara marcada polo propio Mahoma e debía pois recaer en Ali Ibn Abi Talib, primo e xenro do profeta casado coa súa filla Fátima. 

Doutra, os suníes, que consideraban esta decisión debía ser adoptada polo conxunto da comunidade, un posicionamento que tería sido recollido na Sunna, o seu texto sagrado xunto co Corán. A Sunna recolle as palabras de Mahoma e dos seus seguidores xunto cos seus costumes e hábitos. 

Os sunitas son maioritarios no conxunto da comunidade musulmá. Abranguen entre o 80% e o 90% 

Estas diferenzas esténdense tamén a outros planos doutrinais, rituais, lexislativos e mesmo organizativos reproducíndose até a actualidade. As loitas de poder entre ambas as dúas correntes, teñen sido un elemento central na análise dalgúns acontecementos históricos producidos en Oriente Medio e sitúase como unha das chaves, embora non a única, para a comprensión do acontecido após a execución do líder chiita, Nimr Baqir al-Nimr, en Arabia Saudí. 

Presenza territorial 

A corrente maioritaria é a sunita abranguendo entre o 80% e o 90% da comunidade musulmá. Fronte á chíi que representa apenas o 13%. Neste senso, os primeiros predominan numericamente en Arabia Saudita, Afganistán, Paquistán, Xordania, Quwait, Yemen, Emiratos Árabes Unidos, Exipto, Túnez, Catar, Libia, Turquía. Mentres  Irán, Azerbaián, Iraq e o Líbano son de maioría chiíta. 

A poboación siria é maioritariamente sunita mais o goberno de Bashar Al-Assad pertence á minoría alauita/chiita

Porén, a correlación relixiosa invírtese coa corrente profesada polo goberno en diversos territorios como Siria no que embora a poboación ser maioritariamente suníta o goberno de Bassar Al-Assad é alauita/chíita, e á inversa en Bahréin. 

Así mesmo, organizacións como Al-Qaeda, o Daesh (ISIS) ou Hamás son sunítas mentres que Hezbolá é chiíta. 

Momentos históricos

Dous fitos da historia recente marcaron o conflito entre ambas as dúas faccións do Islam e con el tamén a realidade xeopolítica da rexión. Dunha banda, o triunfo da Revolución Islámica en Irán (1979) que converteu o país no centro político chiita. Doutra, a invasión do Iraq (2003) por potencias occidentais (EUA, principalmente, apoiado en Reino Unido e o Estado español), permitiría a chegada ao poder da maioría chiita após anos de goberno sunita liderado por Saddam Hussein. 

Estas mudanzas e a procura de alianzas motivaron o despregamento de distintos movementos nos últimos anos co obxectivo de liderar politicamente unha rexión estratéxica sobre a que pairan múltiples e diversos intereses --tamén occidentais-- e que poderían sintetizarse no conflito entre Irán (xunto con Siria-Rusia) e Arabia Saudí (xunto con Israel-EUA), os dous grandes protagonistas após a execución de Nimr Baqir al-Nimr. 

Comentarios