Suíza cifra en 82 millóns os negocios comúns entre Juan Carlos e Corina

O fiscal Bertosa dá por feito o cobro de comisións polo AVE da Meca.
Os reis eméritos, Juan Carlos e Sofía, cos monarcas actuais, Felipe e Letizia. (Foto: Europa Press)
photo_camera Os reis eméritos, Juan Carlos e Sofía, cos monarcas actuais, Felipe e Letizia. (Foto: Europa Press)

A investigación da Fiscalía suíza avanza novos datos sobre o alcance da fortuna oculta do rei emérito, Juan Carlos de Borbón, que a revista Forbes sitúa en 1.500 millóns de euros. Segundo sinala unha información do xornal La Vanguardia, citando fontes xudiciais do país helvético, Juan Carlos de Borbón e a súa antiga parella e socia, Corinna Larsen, teñen partillado negocios conxuntos por unha cantidade de 82 millóns de euros, procedentes de diversas operacións económicas realizadas en Kuwait, Bahreim, Arabia Saudita, México e Marrocos. No mesmo sentido desta nova, o fiscal de Xenebra, Yves Bertosa, ten enviado ao Tribunal Supremo diversa documentación que certifica a trama empresarial entre o rei emérito e Larsen.

As probas achegadas pola Fiscalía suíza confirman que Larsen ten cobrado directamente 4,1 millóns de euros por diversas xestións en Kuwait e uns terreos de 1,6 millóns de euros doados polo rei de Marrocos, amais de varias achegas desde contas bancarias ligadas a Juan Carlos de Borbón. Malia que Larsen na súa declaración diante de Bertosa apunta que estes fondos proceden das súas funcións “como alguén que facilita os contactos entre persoas, especialmente con miras ao estabelecemento de empresas en Oriente Medio”, o fiscal suízo significa que “esa transferencia se realizou varios días despois da visita de Juan Carlos I ao emir de Kuwait”. A respecto deste ingreso, Larsen afirma que o diñeiro lle serviu para cancelar un crédito por unha contía de 150.000 euros coa Fundación Lucum, unha entidade ligada ao conglomerado financeiro rei emérito.

A Fundación Lucum é unha constante nas relacións mercantís entre Juan Carlos de Borbón e Corinna Larsen. Segundo a investigación de Bertosa, á volta de 2008 o rei emérito encarga aos asesores fiscais Dante Canónica e Arturo Fassana a posta en funcionamento “dunha estrutura co fin de recibir unha doazón do anterior rei de Arabia Saudita” que non tardou en recibir 64,8 millóns de euros. A respecto desta transferencia, a Fiscalía suíza considera que o diñeiro procede dunha comisión relacionada coa construción do AVE da Meca na que teñen participado os máis importantes grupos empresariais do Estado. Porén, este contrato tense formalizado con Juan Carlos de Borbón como monarca, polo que o carácter inviolábel da súa figura naquela altura pode impedir o exercicio de accións legais.

Os corruptores do AVE da Meca

As obras do AVE entre A Meca e Medina é unha das cuestións que preocupa particularmente nos círculos de poder do Estado. Á marxe das conexións coa Casa Real e da súa relación cos grandes grupos empresariais, pon no punto de mira algunhas das corporacións españolas máis emblemáticas, actualmente moi cuestionadas nos ámbitos internacionais polos procedementos empregados para a consecución de contratos.

Ao tempo, devolve á opinión pública o debate arredor dos corruptores, que, no caso de confirmarse para as obras do AVE entre A Meca e Medina, afecta grupos tan destacados como ACS de Florentino Pérez, OHL de Villar Mir, Abengoa dos Benjumea, Indra ou a galega Copasa.

Nunca un discurso de Nadal dun xefe do Estado español estivo tan escrutado como o deste ano. Mentres algúns analistas buscan un paralelismo co pronunciado por Francisco Franco en 1970, cando fixo pública a conmutación da pena de morte aos procesados de Burgos, outros falan dunha situación inédita.

O emérito no discurso do rei

A favor desta tese atópase o gran número de encontros entre a Casa Real e o Executivo para dar forma a un discurso que busca reforzar Felipe VI marcando distancias co pai, Juan Carlos de Borbón.

Neste sentido, dáse por feito que o monarca vai facer pública algunha declaración de desaprobación das actitudes do emérito. Porén, asúmese que vai gardar silencio en relación aos comentarios dos militares favorábeis a repetir o golpe de 1936.

Comentarios