Suíza aproba en referendo restrinxir os soldos dos executivos

Cun 68% dos votos a favor Suíza acordou nunha consulta popular adoptar medidas lexislativas para controlar os salarios abusivos dos consellos de administración das empresas afincadas no país.

Os 26 cantóns aprobaron por ampla maioría (1,6 millóns de persoas a favor fronte 762 mil en contra) que o executivo suízo adopte medidas lexislativas para restrinxir os soldos percibidos polos executivos das grandes empresas. Neste senso, o país modificará a súa lexislación á fin de que @s accionistas teñan capacidade de veto sobre os soldos e outras retribucións percibidas pol@s membros dos consellos de administración das entidades. Aliás serán prohibidas as bonificacións por contratación e as remuneracións por despedimento, ao tempo que todas as contías percibidas deberán ser declaradas perante o accionariado.

Neste senso, a consulta popular produciuse após facerse pública a indemnización millonaria percibida polo consello de administración da farmacéutica Novartis, cuxos directivos obtiveron até 60 millóns de euros após decretarse o seu cesamento. Cuestión semellante ao acontecido cos ex-directivos das caixas galegas que obtiveran indemnizacións millonarias após a súa saída de Nova caixa galicia. 

O referendo desenvolveuse após a presentación dunha Iniciativa Lexislativa Popular coñecida como iniciativa Midler que contou co apoio de máis de 100 mil sinaturas entre a cidadanía. As mudanzas lexislativas que deveñan da súa tramitación converterán a Suíza no terceiro país en restrinxir os soldos dos executivos xunto con Holanda e Dinamarca.

Comentarios