Suecia e Finlandia poderían incorporarse á OTAN este verán

A decisión podería tomarse "nas vindeiras semanas, non en meses", dixo a primeira ministra finlandesa, Sanna Marin, que por outra parte asegurou que aínda deben estudar "todas as consecuencias e riscos" a curto e longo prazo.
A primeira ministra de Finlandia, Sanna Marin; o secretario xeral da OTAN, Jens Stoltenberg, e a primeira ministra de Suecia, Magdalena Andersson. (Fotos: DPA e Xinhua News)
photo_camera A primeira ministra de Finlandia, Sanna Marin; o secretario xeral da OTAN, Jens Stoltenberg, e a primeira ministra de Suecia, Magdalena Andersson. (Fotos: DPA e Xinhua News)

Os gobernos de Finlandia e Suecia confirmaron a pasada semana a apertura de senllos debates parlamentarios para estudar o seu posíbel ingreso na OTAN, segundo sinalaron ao xornal británico The Times funcionarios de ambos os países.

Esta cuarta feira a primeira ministra de Finlandia, Sanna Marin, e a súa homóloga sueca, Magdalena Andersson, pronunciaronse a respecto desta cuestión nunha rolda de prensa conxunta. A decisión, dixo, podería tomarse "nas vindeiras semanas, non en meses", se ben asegurou que aínda deben estudar "todas as consecuencias e riscos" a curto e longo prazo.

Pola súa parte, Andersson precisou: "Este é un momento importante na historia. O panorama da seguridade mudou por completo e temos que pensar que é o mellor para a seguridade e paz de Suecia".

Segundo o xornal Svenska Dagbladet, o Goberno sueco tería a intención de presentar a súa solicitude de adhesión á Alianza Atlántica no seu próximo cumio, que decorrerá en Madrid os días 29 e 30 de xuño. Porén, a primeira ministra rexeitou confirmar esta información.

Na mesma liña apunta The Times, que esta segunda feira aseverou que o ingreso destes países escandinavos na OTAN podería producirse este mesmo verán. Segundo esta mesma información, os ministros de Exteriores dos países que integran a Alianza abordaron a cuestión a pasada semana xunto a representantes de ambos os gobernos.

As autoridades de Rusia negaron a pasada semana que a inclusión de Finlandia e Suecia na OTAN permita aumentar a seguridade en Europa en plena guerra de Ucraína. O portavoz do Kremlin, Dmitri Peskov, subliñou que a alianza "xa representa en si mesma unha ferramenta para provocar a confrontación".

Moldova e Xeorxia, máis perto da UE

Cómpre lembrar, noutra orde, que a pasada semana a Comisión Europea entregou o cuestionario de adhesión á Unión Europea (UE) a Moldova e Xeorxia, dous países que seguiron o ronsel de Kíiv e solicitaron o seu ingreso formal no bloque tras a invasión rusa de Ucraína.

Comentarios