O subsecretario de Estado dos EUA Daniel Kritenbrink anuncia unha visita inminente á China

Trátase dunha excepcional visita a Pequín dun responsábel diplomático estadounidense no medio da repunta das tensións entre ambos os países.
O presidente dos EUA, Joe Biden, e o seu homólogo chinés, Xi Jinping, o pasado 14 de novembro. (Foto: Europa Press)
photo_camera O presidente dos EUA, Joe Biden, e o seu homólogo chinés, Xi Jinping, o pasado 14 de novembro (Foto: Europa Press).

O subsecretario de Estado dos Estados Unidos de América (EUA) para Asia Oriental e Asuntos do Pacífico, Daniel J. Kritenbrink, comezará este domingo unha xira pola China e Nova Zelandia.

Trátase dunha excepcional visita a Pequín dun responsábel diplomático estadounidense no medio da repunta das tensións entre ambos os países durante os últimos meses.

Segundo un comunicado do Departamento de Estado, Kritenbrink desenvolverá esta xira entres días 4 e 10 de xuño, acompañado da directora do Consello de Seguridade Nacional para a China e Asuntos de Taiwan, Sarah Beran, co obxectivo de discutir “asuntos claves” na relación bilateral entre ambos os países.

A presencia de Beran é indicativa da vontade do Departamento de Estado de abordar un dos seus puntos principais de fricción coa China, o status de Taiwan, un aliado de Washington sobre o que Pequín reclama desde hai décadas a súa soberanía.

Os esforzos de normalización das relacións entre os EUA e a China, sempre tensos polos roces comerciais e as alianzas internacionais que separa a ambos os países, acabaron por descarrilar en agosto do ano pasado.

Por aquel entón, a que era presidenta da Cámara Baixa do Congreso dos EUA, Nancy Pelosi, decidiu visitar Taiwan de forma oficial, un territorio cuxa Administración non conta co recoñecemento dos Estados da Organización das Nacións Unidas (ONU).

Posteriormente, en febreiro deste ano, un suposto globo espía chinés foi derribado en territorio dos EUA. O incidente aconteceu xusto cando o secretario de Estado dos EUA, Antony Blinken, ultimaba os detalles dunha visita oficial á China e derivou nunha paralización completa das relacións diplomáticas.

Porén, nas últimas horas produciuse un achegamento bilateral co breve encontro protagonizado polo secretario de Defensa dos EUA, Lloyd Austin, e o seu homólogo chinés, Li Shangfu, na cena inaugural da conferencia da seguridade do Diálogo de Shangri-La, en Singapur.

O portavoz do Pentágono, o xeral Pat Ryder, informou a sexta feira de que ambos líderes conversaron brevemente e se saudaron, aínda que non houbo “un intercambio sustantivo “ de impresións.

“O Departamento cre en manter liñas abertas de comunicación militar coa China”, dixo. Non obstante, as declaracións posteriores de ambos os responsábeis de Defensa volveron pór de manifesto as diferencias que separan ambos os países na cuestión de Taiwan.

O subsecretario de Estado Kritenbrink tamén ten previsto visitar Nova Zelandia para pronunciar un discurso durante a Conferencia de Asuntos Internacionais do Instituto Neocelandés e participar nun foto bilateral de diálogo estratéxico.

Comentarios