O subcomandante Marcos advirte de que Chiapas está "ao bordo dunha guerra civil"

O Exército Zapatista lanza un ultimato ás autoridades estatais e federais.
concejoindigena_ezln
photo_camera Mural do Consello Indíxena de Goberno, fundado polo EZLN (Foto: Enlace Zapatista)

O Exército Zapatista de Liberación Nacional (EZLN) advirte nun comunicado publicado na web Enlace Zapatista de que o Estado mexicano de Chiapas está "ao bordo da guerra civil". En concreto, denuncia que as "alianzas co narcotráfico" do gobernador estatal, Rutilio Escadón, "provocan que as comunidades orixinarias se vexan na obriga de formar grupos de autodefensa porque o Goberno nada fai para preservar a vida, a liberdade e os bens dos poboadores".

O texto, asinado polo subcomandante insurxente Galeano ─o antes coñecido como subcomandante Marcos─ está dirixido "ao pobo de México, aos pobos do mundo, á Sexta Nacional e Internacional, á Europa de abaixo e á esquerda". A eles pide que se manifesten o 24 de setembro fronte ás embaixadas e consulados de México para exixir ao Goberno de Chiapas "que se deixen xa de provocacións e abandonen o culto á morte que profesan".

 O EZLN considera que o Goberno chiapaneco "non só dá cobertura ás bandas de narcotraficantes, tamén alenta, promove e financia grupos paramilitares como os que atacan continuamente comunidades en Aldama e Santa Martha". 

Neste sentido é que o EZLN emitiu o comunicado, en relación á tentativa de "sabotar" a saída da delegación La Extemporánea, que o pasado 13 de setembro partiu cara a Europa.

"Secuestro"

Dous días antes, cando a delegación estaba en Cidade de México, os militantes zapatistas Sebastián Núñez Pérez e José Antonio Sánchez Juárez foron secuestrados. O EZLN responsabiliza a Organización Rexional de Cafeticultores de Ocosingo (Orcao), "organización paramilitar ao servizo" das autoridades de Chiapas

E advirte de que a Orcao posúe uniformes, equipos e armas obtidos do diñeiro que lles chega a través de programas sociais: "Con esas armas disparan todas as noites contra a comunidade zapatista de Moisés e Gandhi".

Núñez e Sánchez foron liberados o domingo. O EZLN "agardou con paciencia até esgotar as canles posíbeis para a solución", sinalan. "Mentres o Goberno de Chiapas sabotaba e estorbaba a liberación, foron organizacións defensoras dos dereitos humanos e a Igrexa católica progresista quen valoraron con acerto o que podería ocorrer", explica.

"Ante a acción e omisión das autoridades estatais e federais fronte ao crime actual e os anteriores, tomaremos as medidas pertinentes", sinala o EZLN.

"É todo. Para outra ocasión xa non haberá comunicado. Ou sexa, non haberá palabras, senón feitos", remata o comunicado.

Comentarios