Sturgeon, na carreira para relevar Salmond: “Escocia será independente”

A viceprimeira ministra escocesa Nicola Sturgeon confirmou esta cuarta feira que aspirará a relevar a Alex Salmond ao fronte do SNP e do goberno de Holyrood.

sturgeon
photo_camera Nicola Sturgeon


Os acontecimentos desenvólvense de acordo ao guión previsto no Scottish National Party após o anuncio de demisión de Alex Salmond, quen deixará o seu cargo de first minister en novembro. A viceprimeira ministra, Nicola Sturgeon, perfílase como a súa sucesora. Nun discurso en Glasgow -cidade na que se impuxo o SI no referendo do 18-S-, Sturgeon confirmou que si se candidata para a lideranza da formación nacionalista escocesa.

“Preséntome por dúas razóns ben sinxelas: quero servir o meu partido e o meu país e creo que son a mellor persoa para o facer”, dixo Sturgeon, quen engadiu: “Ser a primeira ministra do meu país, especialmente nestes momentos tan emocionantes e otimistas, sería unha grande honra e tamén , sen dúbida, unha inmensa responsabilidade”.

Nas últimas semanas, o SNP rexistou a alta de máis de 30.000 militantes, o que converte a formación nacionalista escocesa na terceira con máis afiliadas e afiliados do Reino Unido

Sturgeon negociou con Londres os termos de realización do referendo -incluído o espiñento asunto da pergunta que se submeteu a consideración do pobo escocés- e visa agora manter conversas coas forzas políticas unionistas de modo a materializar a suposta devolution de novos poderes políticos a Edimburgo á que se comprometeron Cameron, Miliband e Clegg como baza para gañar o referendo. 

Momentos agridoces

O SNP atravesa momentos agridoces. Certo é que non gañou o referendo, mais os sufraxios colleitados polo SI (1,6 millóns de votos) cuase que cuadruplican os respaldos obtidos pola formación nacionalista nas lexislativas de 2010. Isto é, un triunfo político incuestionábel e incontestábel da liña Salmond, da que Sturgeon é debedora. Contodo, a viceprimeira ministra sabe que o partido deberá agora modificar algo a súa táctica se quer enxugar a diferenza (8 pontos) pola que perdeu o referendo face o NON. 

O axuste táctico non afectará para nada o obxectivo último do SNP, a independencia: "Penso, como o pensaba a semana pasada, que a independencia é o mellor futuro para Escocia. E estou máis certa do que nunca que seremos un país independente. Mais iso pasará cando a xente o escolla nas urnas”.

De se impor a súa candidatura, Sturgeon dirixirá un partido máis forte daquel que liderou Salmond. Nas últimas semanas, o SNP rexistou a alta de máis de 30.000 militantes, o que converte a formación nacionalista escocesa na terceira con máis afiliadas e afiliados do Reino Unido (só superada por conservadores e laboristas).

Foto: Bernat Ferrer/Nació Digital.

Comentarios