Sturgeon anuncia que Escocia fará un novo referendo de independencia, con ou sen a aprobación de Londres

As enquisas do ‘Sunday Times’ suxiren que a maioría de escoceses e irlandeses do norte queren referendos de autodeterminación.

 

sturgeon
photo_camera sturgeon

A primeira ministra escocesa, Nicola Sturgeon, anunciou que se o SNP gaña as eleccións de maio en Escocia, impulsará un novo referendo de independencia, con ou sen a aprobación de Londres.

En declaración á BBC, Sturgeon explicou que o SNP presentaría unha folla de ruta de once puntos que inclúe a petición formal ao Goberno británico de que o parlamento escocés poida aprobar leis que normalmente tramita o parlamento británico.

O documento indica que "non pode haber xustificación moral nin democrática para denegar esta solicitude", pero que se o Goberno do Reino Unido rexeita a mesma esa negativa será "insostíbel tanto en Escocia como no estranxeiro".

Se non hai acordo, dixo, o Goberno do SNP rexistrará e aprobará un proxecto de lei que permitirá un "referendo legal" unha vez rematada a pandemia e oporase a calquera desafío legal do Goberno do Reino Unido.

"Quero un referendo legal, polo que vou buscar a autoridade do pobo escocés en maio e se mo dan, isto é o que quero facer: un referendo legal para dar á xente o dereito a decidir", dixo Sturgeon.

Este anuncio coincide coa publicación en ‘The Sunday Times’ de enquisas que revelan que a maioría dos escoceses e irlandeses do norte queren referendos de autodeterminación para decidir o seu futuro

Comentarios