Aristides Sousa Mendes: eloxio da desobediencia

Portugal homenaxea o diplomático que salvou miles de xudeus dos nazis.
sousa_mendes_homenagem
photo_camera De esda a dta, os tres presidentes portugueses, da Assembleia, da República e do Goberno, no acto de homenaxe. (Foto: Presidência da República)

"Portugal, curvando-se perante a sua personalidade moral, eternamente grato, hoje e para sempre o recorda e homenageia". Con estas palabras culminou o presidente de Portugal o discurso na cerimonia de homenaxe ao diplomático Aristides Sousa Mendes, cuxo nome entrou na terza feira no Panteão Nacional de Lisboa, 67 anos despois da súa morte.

Sousa Mendes faleceu na miseria na capital portuguesa en 1954, tras ter exercido como cónsul na localidade francesa de Bordeos en 1940, en plena II Guerra Mundial. En xuño dese ano, desobedecendo as ordes do Goberno ditatorial do Estado Novo de António de Oliveira Salazar, facilitou visados a ducias de miles de xudeus e outros refuxiados, salvándoos do horror dos campos de concentración nazis

Naquela altura, os diplomáticos portugueses debían solicitar permiso a Lisboa antes de conceder visados a xudeus e outros solicitantes, mais Sousa Mendes decidiu non seguir o protocolo, sendo consciente de que non serían aprobados; sendo consciente do risco persoal propio.

Segundo algunhas investigación, a cifra de persoas beneficiadas, exiliadas principalmente a distintos países de América, puido chegar ás 30.000. Así tivo coñecemento da desobediencia, o réxime de Salazar ordenou a súa volta a Lisboa e a expulsión do corpo diplomático.

"Coragem extrema"

Marcelo Rebelo de Sousa salientou na súa intervención que Sousa Mendes "serviu com coragem extrema, provação pessoal e familiar e exemplar humildade" os valores esenciais de humanidade, que non mudan por "modismo de época", nin pola "lei ou ordem de uma ditadura ou de um ditador". No acto, retransmitido en directo pola RTP, ademais do xefe do Estado tamén participaron o presidente da Assembleia, Eduardo Ferro Rodrigues, e o primeiro ministro, António Costa.

Os restos do ex cónsul portugués descansan en Cabanas de Viriato, no Concelho do Carregal, localidade onde naceu en 1885. A homenaxe traduciuse en forma dun túmulo sen corpo no Panteão Nacional. "Aqui entra Aristides e aqui permanecerá até ao fim dos tempos, se os tempos tiverem fim", manifestou Rebelo de Sousa.

Proscrito polo réxime de Oliveira Salazar, nun proceso que non foi revertido até a década de 1980, Sousa Mendes recibiu en 1966 o título de "Xusto entre as Nacións", que o Yad Vashem, o Memorial do Holocausto israelí, outorga aos non xudeus que tivesen arriscado a súa vida para salvar xudeus durante a II Guerra Mundial. 

En 1987, o entón presidente da República, Mário Soares, galardoouno coa Ordem da Liberdade, distinción creada en 1976 para honrar as persoas "em defesa da liberdade, da democracia e dos direitos humanos". Dous anos despois, a Assembleia da República reintegrouno no servizo diplomático por unanimidade e aclamación.

Dador de vida

"As perseguições não acabaram com a II Guerra Mundial nem a necessidade de assegurar proteção internacional terminou com aquele período. Infelizmente, a história tem-nos demonstrado que aquilo com que Aristides de Sousa Mendes foi confrontado continua a ser uma realidade de hoje", sinalou António Costa.

E a historiadora Margarida de Magalhães Ramalho salientou a figura de "um homem que durante décadas foi votado ao esquecimento". "No entanto ─engadiu a tamén directora do museo Fronteira da Paz, Memorial aos Refugiados e ao Cônsul Aristides de Sousa Mendes, localizado en Vilar Formoso (A Guarda)─ milhares de pessoas devem-lhe a vida e milhares de pessoas puderam existir graças a ele". 

Outros "Xustos entre as Nacións" que salvaron  xudeus do Holocausto

A historia do empresario alemán Oskar Schindler, que salvou uns 1.200 xudeus dos campos de concentración, é a máis famosa, grazas á superprodución de Hollywood Schindler's List  (Steven Spielberg, 1993). Mais houbo máis Schindler e Sousa Mendes naquela época. Por exemplo, o chinés Feng-Shan Ho, cónsul en Viena, que facilitou tamén en contra do seu Goberno a chegada de miles de xudeus a Shanghai. Ou o cónsul salvadoreño en Xenebra, que fixo pasar por compatriotas 40.000 europeos perseguidos polos nazis.

Comentarios