Sorpresa na elección de candidatos aos comicios presidenciais en Chile

Derrotas do comunista Daniel Jadue e do ultraconservador Joaquín Lavín. Por outra banda, 50% da poboación chilena estaría a favor de declarar Chile un Estado multicultural, segundo unha enquisa.
EuropaPress_3847232_18_july_2021_chile_santiago_presidential_candidate_gabriel_boric_cspeaks_to
photo_camera Gabriel Boric, deputado da esquerdista Fronte Ampla, celebra a súa vitoria con máis de 60% dos votos (Foto: Vanessa Rubilar / SOPA Images)

Sebastián Sichel, de Chile Vamos (dereita), e Gabriel Boric, de Aprobo Dignidade (esquerda), foron elixidos no proceso de primarias abertas como candidatos para os comicios presidenciais do 21 de novembro en Chile

Sichel e Boric derrotaron contra todo prognóstico a Joaquín Lavín, da ultraconservadora Unión Demócrata Independiente (UDI), e a Daniel Jadue, do Partido Comunista, que durante meses lideraron as enquisas de intención de voto. Tanto Sichel, exministro independente, como Boric, exlíder estudantil, representan posturas máis moderadas.

Sichel, de 43 anos, foi ministro de Desenvolvemento Social co actual presidente, Sebastián Piñera, e presidente do Banco do Estado até decembro de 2020. Tras pasar por varios partidos do espectro político, incluída a Democracia Cristiá (DC), e presentarse a estas primarias sen o apoio de ningunha formación en concreto, Sichel defínese como o único candidato de "centro".

Boric, deputado da esquerdista Fronte Ampla (FA) de 35 anos, impúxose pola súa banda a Jadue, alcalde do barrio santiagués de Recoleta. Cun ton máis conciliador e unha proposta máis transversal que a comunista para mudar o actual modelo neoliberal, Boric ─deputado desde 2014─ irrompeu no panorama político nas grandes manifestacións estudantís de hai unha década.

Dúbida no centroesquerda

O centroesquerda non conseguiu presentar unha candidatura común polo momento. A presidenta do Senado, a demócratacristiá Yasna Provoste, podería dar o paso antes da data límite de 23 de agosto. Porén, o triunfo de dous moderados tanto á súa esquerda como á súa dereita poderían retraela de facelo, segundo analizaban onte os medios do país. Ademais, podería non ter o apoio do Partido Socialista (PS), que a priori se decanta por Paula Narváez, portavoz no segundo mandato de Michelle Bachelet (2014-2018).

O bloque da dereita, Chile Vamos, fórmano a UDI, Renovación Nacional (RN), Partido Rexionalista Independente (PRI) e Evolución Política (Evópoli). Sichel logrou 49,08% dos votos; Lavín, exalcalde do barrio santiagués das Condes, 31,3%; o exministro de Defensa, Mario Desbordes (9,8%); e o exministro de Facenda, Ignacio Briones (9,82%).

O bloque da esquerda, Aprobo Dignidade, está composto polo Partido Comunista (PCCh), Revolución Democrática (RD), Converxencia Social (CS, membro da FA), Partido Comúns e a Federación Rexionalista Verde Social (FRVS). Boric, líder de CS logrou 60,43% dos votos.

Un total de 14.627.477 chilenos estaban habilitados para votar nas primarias. Por Chile Vamos votaron 1.341.925 persoas e por Aprobo Dignidade, 1.747.691, un indicio de quen podería gañar as presidenciais de novembro.

Estado pluricultural

Por outra banda, 50% da poboación chilena estaría a favor de declarar Chile un Estado multicultural, segundo revelou onte a enquisa Praza Pública Cadem recollida por El Mercurio. Ademais, 23% móstrase a favor de declaralo Estado plurinacional, e 25% sinala que prefire un só Estado nación, sen distincións.

Esta edición da enquisa, estivo marcada polo recruar do conflito mapuche nos últimos tempos. Neste contexto, 98% pensa que é "importante" que o pobo mapuche conserve as súas tradicións e cultura; 77% opina que Chile ten unha "débeda histórica con eles"; 73% que teñen dereitos de propiedade sobre as terras que consideran ancestrais; e 65% que teñen dereito a escoller as súas propias autoridades políticas. 

Comentarios