A Policía Local de Alcarràs sorprende a Garda Civil a facer unha pintada en galego contra Puigdemont

A pintada ‘Puigdemont, nunca máis’, na estrada a Vallmanya, estaba acompañada doutra dunha bandeira española.

@chechulima
photo_camera Imaxe de @chechulima

Unha patrulla da Policía Local de Alcarràs (Lleida) sorprendeu a axentes da Garda Civil cando facían unha pintada contra Puigdemont na estrada que comunica esta vila coa de Vallmanya. A patrulla da PoliLocal estaba esta segunda feira a realizar unha vixilancia antiroubo cando detectaron un coche coas luces apagadas e escondido detrás dunha árbore.

Os axentes da Policía Local puideron ver que o vehículo estaba co logotipo da Garda Civil, polo que decidiron pasar de longo se ben viraron para interesarse polo que estaba a acontecer, momento en que ese coche do Instituto armado arrancou e saudounos pondo as luces longas. A sorpresa veu cando os axentes descubriron, no lugar onde estaba o vehículo da Garda Civil, unha pintada coa bandeira española e ao seu carón o lema “Puigdemont, nunca máis’, en galego.

A policía local de Alcarràs denunciou os feitos, segundo avanzou o diario ‘El Segre’ e confirmou Ara. O informe elaborado polos axentes da garda urbana enviouse ao servizo territorial de estradas para que decida as medidas a adoptar.

Miquel Serra (ERC), alcalde de Alcarràs, afirmou a Ara que atopa “surrealista que os corpos de seguridade fagan pintadas como se fosen activistas”. O Concello remitiu unha carta á Garda Civil denunciando as cargas policiais o 1-O e rompendo as relacións institucionais co instituto armado. 

Comentarios