ELECCIÓNS Á ASSEMBLEIA DA REPÚBLICA PORTUGUESA

As sondaxes dan unha vitoria clara do Partido Socialista portugués, mais sen maioría absoluta

Os últimos estudos de opinión para os comicios deste domingo recollen unha lixeira recuperación do liberal Partido Social Demócrata, que sería segundo a tan só 10 puntos. O Bloco de Esquerda sería terceiro por riba da CDU, que integran o Partido Comunista Portugués e Os Verdes.

A poucas horas da fin da campaña das eleccións lexislativas deste domingo en Portugal, a sondaxe feita para o semanario Expresso e o canal de televisión SIC outorga unha cómoda vitoria ao Partido Socialista (PS) con 38% dos votos. Porén, fica lonxe da maioría absoluta, principal obxectivo dos de António Costa ao comezo do proceso electoral. De feito, o liberal Partido Social Demócrata (PSD) reduciu á metade a diferenza que o separaba do PS hai tan só un mes, e o estudo de opinión sitúao agora segundo con 28% dos votos.

Pola súa banda, o Bloco de Esquerda (BE) recuncaría no terceiro posto despois do sorpasso ao seu rival na esquerda, o Partido Comunista Portugués (PCP), hai catro anos. A sondaxe de Expresso/SIC outorgaríalle 10% dos votos, un punto máis que hai un mes. Ademais, a Coalición Democrática Unitaria (CDU), formada polo PCP e por Os Verdes, conseguiría 7% dos votos; o conservador Centro Democrático Social-Partido Popular (CDS) chegaría a 5%, e o Persoas-Animais-Natureza (PAN) lograría 3%.

Estas porcentaxes, traducidas en número de deputados, darían entre 104 e 114 ao PS (86, en 2015); entre 73 e 83 ao PSD (89, en 2015); entre 16 e 24 ao BE (19, en 2015); entre 9 e 15 á CDU (17, en 2015); entre 5 e 10 ao CDS (18, en 2015), e entre 2 e 5 ao PAN (1, en 2015).

Comentarios