Sondaxes amosan empate técnico de Macron e Le Pen

"Nada está resolto", advirte o presidente francés, Emmanuelle Macron, ao tempo que as sondaxes indican pouca distancia entre as dúas candidaturas que optan á Presidencia de Francia.
Marine Le Pen e Enmanuelle Macron disputarán a Presidencia. (Foto: Europa Press)
photo_camera Marine Le Pen e Enmanuelle Macron disputarán a Presidencia. (Foto: Europa Press)

As primeiras sondaxes electorais posteriores á primeira volta das eleccións presidenciais francesas, nas que Emmanuelle Macron e Marine Le Pen pasaron á segunda volta, foron publicadas por dúas consultoras nesta segunda feira. 

Os datos dos dous estudos demoscópicos apuntan unha curta distancia entre as candidaturas, por un lado o de Ipsos, apunta a unha vitoria de Macron por oito puntos, por outro, o de Ifop, prognostica un empate técnico con dous puntos de vantaxe para o actual presidente francés.

A segunda das sondaxes coloca Le Pen con 49% dos sufraxios a dúas semanas de que teña lugar a segunda volta, polo que parece que aínda hai moito en xogo no que resta de campaña electoral de cara á obtención da Presidencia de Francia.

A sondaxe publicada por Ipsos deixaría máis lonxe a Le Pen do que o facía a de Ifop, aínda así, a candidata de extrema dereita obtería unha posición alta de partida para a segunda volta, con 46% dos sufraxios.

Transferencia de votos

Os datos de transferencia de votos de Ifop sinalan que 33% de votantes de Jean-Luc Mélenchon (da esquerdista Francia Insubmisa) optarían por votar a Macron, mentres que outro 22% por Le Pen. Porén, a maioría dos votantes do esquerdista, 44%, moveríanse cara á abstención. 

A decisión que tomen as persoas votantes do candidato de Francia Insumisa, que obtivo o terceiro posto con 22% dos sufraxios a tan só 1,4% de Marine Le Pen, será unha das chaves do resultado final.

Pola súa parte, 76% das persoas votantes do candidato de ultradereita Éric Zemmour, cuarto na primeira volta con 7%, irían para Le Pen, e só 4% a Macron.

Habería empate entre as persoas que deron o seu apoio á conservadora Valérie Pécresse, que obtivo 4,8% dos votos, con 35% dos seus votantes que optarían por cada unha das dúas opcións electorais na segunda volta.

Entre os votantes do ecoloxista Yannick Jadot, que obtivo 4,6% dos sufraxios, até 56% apostarían en segunda volta por Macron, mentres que só 6% por Le Pen. Porén, sería relevante a abstención entre os votantes verdes, que chegaría a 38%.

Consciente da curta distancia á que se atopa Le Pen, Macron advertiu nesta segunda feira: "Non se equivoquen. Nada está resolto". O actual presidente afirmou que "o debate que teremos os próximos 15 días é decisivo para o noso país e para Europa".

Comentarios