As sondaxes afastan a Agrupación Nacional de Marine Le Pen dunha maioría absoluta na segunda volta das lexislativas francesas

A segunda volta dos comicios decorre este domingo.
Manifestación contra a ultradereita, esta semana en París (Foto: Antonin Burat / Le Pictorium via Z / DPA vía Europa Press).
photo_camera Manifestación contra a ultradereita, esta semana en París (Foto: Antonin Burat / Le Pictorium via Z / DPA vía Europa Press).

A segunda volta das eleccións lexislativas en Francia, que decorrerá mañá, domingo, dirimirá se a Agrupación Nacional da ultradereitista Marine Le Pen é quen de facerse coa maioría absoluta na Asemblea Nacional, ou se por contra, a renuncia de candidatos e candidatas macronistas e da esquerda en máis de 200 circunscricións para concentrar o voto é quen de reverter a vitoria da formación de Le Pen na primeira volta.

A enquisa realizada esta sexta feira por Ipsos France para Le Monde, France TV e Radio France indica que a Agrupación Nacional ten moi difícil facerse cunha maioría absoluta, xa que non alcanzaría os 289 escanos necesarios para controlar a Cámara.

De feito, a formación liderada por Le Pen ficaría moi lonxe deste obxectivo, cuns 170 asentos na Asemblea Nacional. Tampouco sumaría maioría absoluta de xuntar os seus votos cos dos Republicanos, que obterían arredor de 60 asentos en solitario e outros 30 en coalición coa propia Agrupación Nacional, polo que as contas non darían para un bloque conservador cunha maioría absoluta.

Polo outro lado, a Fronte Popular de partidos de esquerda sería segunda forza con 160 escanos, segundo as proxeccións de Ipsos France. Por baixo desta alianza estaría Xuntos pola República, a coalición liberal liderada polo presidente da República, Emmanuel Macron, que ficaría na contorna das 130 actas. Ademais, outras forzas obterían uns 30 deputados e deputadas.

Con estes resultados, unha unión entre a Fronte Popular e o macronismo estaría en disposición de situar un candidato ou candidata á fronte do Goberno que deberá cohabitar co presidente da República. Aínda que o acordo non semella sinxelo, o obxectivo de frear a extrema dereita podería forzar o entendemento entre as partes.

Tensión antes dos comicios

Por outra parte, as xornadas previas aos comicios estiveron marcadas pola tensión social. O ministro do Interior de Francia, Gérald Darmanin, confirmou que no contexto preelectoral rexistráronse máis de 50 agresións físicas ou verbais, algunhas "extremadamente graves", contra candidatos e candidatas a un escano na Asemblea Nacional e simpatizantes das formacións políticas, o que se saldou cunha trintena de detencións. "Houbo ataques de todos os lados", concluíu.

Comentarios