A sonda chinesa consegue facer brotar unha semente de algodón sobre a superficie lunar

Novo suceso de China na exploración e colonización do espazo. Non só a sonda  Chang'e-4  foi quen de aluar na cara afastada do noso satélite, senón que agora, informaron os medios oficiais de Beijing, conseguiu facer brotar unha semente de algodón sobre a superficie lunar.

china
photo_camera Foto enviada pola sonda

A misión robotizada chinesa transportou á Lúa sementes de algodón, patacas, colza e arabipdosis, tamén ovos de mosca e levaduras. O propósito de todo isto, realizar experimentos no satélite e tentar criar unha especie de "mini-biosfera simples", de acordo co termo empregado pola axencia de noticais chinesa Xinhua.

O primeiro ensaio foi un éxito e as sementes de algodón conseguiron prender. A previsión é que en breve agromen as primeiras follas verdes.

A dificuldade non é pequena: a planta, para medrar, ten de superar condicións adversas, entre elas a alta radiación, a baixa gravidade e as bruscas mudanzas de temperatura.

Nota: Esta noticia foi corrixida grazas a que un lector nos advertiu dun erro. Na súa redacción inicial consignabamos equivocamente que a radiación na lúa é baixa e a gravidade, alta.

Comentarios