Solidariedade fronte a 'bunker': o xuízo ao 'procés' desde Galiza

BNG e Anova expresan a súa solidariedade coas persoas encausadas e o dereito a decidir fronte a un PPdeG que partilla o discurso de Pablo Casado da necesidade de combater “o golpe” secesionista.

xuizo catalunya

BNG e Anova-Irmandade nacionalista emitiron cadanseu comunicado no que mostran a súa solidariedade para cos líderes independentistas cataláns que a partir desta terza feira están a ser xulgados no Tribunal Supremo español. Ambas as dúas organizacións consideran os xulgados presos políticos e partillan que o proceso que impulsaron foi democrático e defendendo un dereito como o de que os pobos poidan decidir libremente o seu futuro.

No outro extremo, o PPdeG, que fixo súas as opinións dos líderes do PP español e a liña da dereita dura. A través das redes sociais, o Partido Popular de Galiza partillaba un chío do presidente do PP español no que manifestaba: “Todo o noso respecto á xustiza no inicio do xuízo contra o golpe secesionista” e aproveitaba para semear dúbidas sobre se o goberno español “está coa constitución ou con quen a ataca”.

O PSdG mantivo silencio mediático.  Porén, e ao longo destes meses, os seus posicionamentos públicos non se diferenciaron nin afastaron dos do PSOE a nivel estatal.

As voces discordantes co discurso mediatica e politicamente maioritario no Estado español veñen en Galiza da man de BNG e Anova. “É un xuízo político e a enésima demostración do proceso de profunda involución democrática que se está a vivir no estado español”, apontan desde a fronte nacionalista. “Este conflito só ten unha saída: que o pobo poida expresarse en liberdade e con plenos dereitos democráticos”, engaden.

“Agardamos ademais que a sentenza contra os Jordis, Oriol, Joaquim, Josep, Carma, Raúl e Dolors non estea escrita de antemán, presionada por unha opinión publicada que esixe man dura”, manifesta Antón Sánchez, portavoz de Anova. “Xogámonos a democracia neste país, xogámonos o futuro dunha Galiza republicana e con xustiza social”.

Comentarios