Soldados israelitas matan en Gaza 7 palestinos, dous deles nenos, na represión da Marcha do Retorno

palestina
photo_camera Nasser Azmi Musbeh, de 12 anos, morto esta sexta feira polos disparos do exército israelita.

Pinga a pinga continúa a medrar a longa listaxe de palestinos mortos por disparos do exército israelita durante estas semanas. Esta sexta feira os disparos de soldados francotiradores mataron sete persoas en Gaza, delas dúas menores de idade -14 e 12 anos-. Máis de 500 persoas resultaron feridas, segundo medios informativos palestinos, nesta represión dunha novamobilización.

Van xa 27 sextas feiras consecutivas nas que os palestinos e palestinas se mobilizan na Franxa de Gaza nas coñecidas Marchas do Retorno, mobilización na defensa do dereito de retorno das persoas refuxiadas: case 4,7 millóns de palestinos e palestinas viven no exterior como consecuencia da ocupación israelí. A represión do exército de Israel nestas semanas contra esas marchas provocou por volta de 200 mortos e miles de feridos.

Esta sexta feira, aliás, un destacamentos do exército de Israel procedeu a ocupar un centro de ensino secundario en Einabous (Cisxordania) en pleno horario escolar, empregando gases lacrimóxenos contra os estudantes. A noticia desa acción provocou manifestacións en diversos puntos de Cisxordania.

Finalmente, Palestina vén de presentar unha queixa contra Estados Unidos por violar o dereito intrnacional ao transladar a súa embaixada de Tel Aviv a Xerusalén.

Comentarios