O Sociómetro do Goberno vasco publicado esta sexta feira indica que o PNV volverá gañar as eleccións vascas e incluso subiría un escano, pasando de 28 a 29. O traballo fíxose do 18 a 26 de febreiro con 1.750 enquisas e non mostra, polo que se ve, que a crise de Zaldibia pase factura aos ‘jeltzales’.
EH Bildu afianzaría o papel de segunda forza máis votada, mesmo aumentando a súa representación nun parlamentar, obtendo 19 representantes no Parlamento vasco.
Mais quen máis subiría sería o PSOE, socio do PNV no Goberno vasco, e que aumentaría en tres deputados e deputadas, atinxindo 12 escanos.
Quen baixaría? Elkarrekin Podemos, que dos 11 representantes de 2016 pasaría agora a 8, e a coalición PP-CS, que ficaría con 7 deputados, 2 menos dos que o PP ten agora.
Vox seguiría fóra do Parlamento, aínda que en Araba acadarían 2,8% dos votos. Están, polo tanto, a moi poucas décimas de lograr 1 deputado. En Euskadi non impera a barreira de 5% que si hai na Galiza para poder ter representación.