sábado 26/09/20
Internacional

Colle forza o reparto dos ministerios de Unidas Podemos coa carteira de Traballo para Yolanda Díaz

O nome da deputada de Galicia en Común xa soaba para ministra no anterior intento de formar un Goberno no Estado
A deputada de Galicia en Común no Congreso Yolanda Díaz (Europa Press)
A deputada de Galicia en Común no Congreso Yolanda Díaz (Europa Press)

Unidas Podemos farase co Ministerio de Igualdade, que encabezará a actual portavoz parlamentaria e 'número dous' de Podemos, Irene Montero; co Ministerio de Traballo, coa deputada de Galicia en Común Yolanda Díaz á fronte; e cun cuarto Ministerio para o coordinador federal de Esquerda Unida, Alberto Garzón, do que aínda non transcenderon as súas competencias. Así o sinala Europa Press, que tamén sinala que o cuarto ministro elixido por Unidas Podemos será o sociólogo e economista Manuel Castells, a proposta da confluencia catalá En Comú, como responsábel de Universidades. 

Deste xeito, o grupo confederal de Unidas Podemos reparte entre os seus socios as responsabilidades que terán no próximo Goberno que liderará Sánchez se, como é previsible, o líder socialista resulta reelixido presidente a vindeira terza feira, na segunda votación da sesión de investidura que comezou este sábado.

Aínda que no inicio das negociacións Podemos pensara no seu secretario de Acción de Goberno e principal negociador cos socialistas, Pablo Echenique, para ocupar a carteira de Universidades, finalmente decidiron ceder a Ada Colau e os seus este Ministerio, para cumprir a mencionada repartición de responsabilidades.

Por iso, a decisión de situar a Manuel Castells á fronte de Universidades correu a cargo da alcaldesa de Barcelona, despois de valorar outros nomes como a que fora candidata dos comúns ao Senado, a tamén profesora universitaria Rosa Lluch, ou o eurodeputado desta formación Ernest Urtasun.

comentarios