A socialdemocracia goberna a maioría dos “frugais”

A resposta da Unión Europea á pandemia do coronavirus deixou unha nova categoría, os frugais. A denominación empregada para designar un conxunto de Estados do centro e do norte de Europa agocha unha realidade social e política diversa. A súa actitude exemplifica a natureza do proxecto comunitario.
Xuntanza de representantes dos Estados frugais durante o cumio europeo (Imaxe: Europa Press)
photo_camera Xuntanza de representantes dos Estados frugais durante o cumio europeo (Imaxe: Europa Press)

O último cumio europeo deixou liberais, conservadores e demócratas cristiáns defendendo políticas económicas expansivas e a socialdemócratas apoiando medidas de contención do gasto e de recorte do investimento público.

O proceso de reconfiguración dos dous grandes espazos políticos do continente e o constante achegamento dos vellos partidos socialdemócratas ás formulacións neoliberais explican en parte o acontecido. Porén, non é o único factor nin un fenómeno novo, dado o consenso existente entre uns e outros a respecto do actual modelo da Unión Europea.

Os denominados Estados frugais son un exemplo disto. Agás os Países Baixos, cuxo xefe de Goberno é o liberal Mark Rutte, á fronte dun Gabinete de varios partidos de dereita, os outro catro países do clube teñen a forzas definidas de esquerda no Goberno. Así, Dinamarca, Suecia e Finlandia teñen primeiros ministros socialdemócratas, Mette Frederiksen, Stefan Löfven e Sanna Marin, que partillan filiación na Internacional Socialista co mandatario español Pedro Sánchez ou co portugués António Costa. Pola súa banda, os verdes fan parte dos Gobernos finlandés, sueco e austríaco, neste caso presidido polo conservador Sebastián Kurz. 

O sistema de benestar destes países non escapa aos retallos impostos nas últimas décadas, mais atópase moito máis desenvolvido que nos Estados da periferia europea. O gasto público representa 59,4% do PIB en Finlandia, 49,6% do PIB en Dinamarca, 49,3% en Suecia, 48,2% en Austria e 41,9% nos Países Baixos, situándose, agás neste último caso, por riba da media comunitaria e diante de Estados como Grecia, Alemaña, Portugal ou España. Ao tempo, a extensión dos programas de protección social atópase á cabeza da Unión Europea e o alcance da rede asistencial para maiores e a infancia está por diante dos seus socios europeos. A súa aposta polos servizos públicos é superior ao resto da Europa dos 27.

Os denominados frugais son dos grandes beneficiados do proxecto comunitario. A súa condición de Estados centrais que fan parte do núcleo de poder da Unión Europea favorece un desenvolvemento que os Estados da periferia nunca van lograr dada a propia xenética e dinámica do proceso europeo.

Neste sentido, a comisaria europea para a Cohesión e Reformas, a portuguesa Elisa Ferreira, sinala que o diñeiro recibido do presuposto da Unión Europea por estes países supera de lonxe a súa contribución ao orzamento comunitario.

Segundo as cifras feitas públicas por Ferreira, a cidadanía dos Países Baixos será a cuarta que máis diñeiro recibirá da Unión Europea no período 2021/2027 con perto de 5.000 euros ao ano por habitante; seguida por Austria, con algo máis de 4.000 euros ao ano por habitante e de Dinamarca, cunha contía superior a 3.500 euros ao ano por habitante. As achegas do orzamento comunitario a estes países aprobados no recente cumio fican moi por diante do Estado español, que non chega a 2.000 euros ano por habitante; de Italia, con pouco máis de 1.000 euros anos por habitante, ou de Portugal, cunha cantidade semellante.

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, vén de manifestarse a respecto dos resultados do cumio comunitario. Neste sentido advirte de que “existen fortes recortes en partidas fundamentais para a Galiza, como a PAC, os fondos de cohesión e o fondos para a transición xusta”. Ao tempo, critica que os recortes, ademais de poder debilitar o impacto económico do plan de recuperación, “evidencian que a UE vai aplicar medidas regresivas. Engade que os plans estatais “poden ter consecuencias no aumento de impostos, do déficit e no mercado laboral”.

Comentarios