Soberanistas e comúns piden a liberdade dos presos mais discrepan sobre a investidura de Puigdemont

A fronte unida pola que pula o president do Parlament, Roger Torrent, ficou a medias. Si houbo acordo entre independentistas e comúns para reclamar a liberdade dos presos políticos, mais non para erguer a bandeira do dereito de Puigdemont, Sànchez e Turull a seren investidos.

parlament
photo_camera Un momento da sesión parlamentar [Foto: NacióDigital]

O pasado sábado, no transcurso da segunda sesión falida da investidura de Turull -falida porque este non puido participar nela ao ter sido recluído en prisión por orde do xuíz Llarena-, o president do Parlament, Roger Torrent, lanzou a palabra de orde da constitución dunha sorte de fronte republicana que agrupase soberanistas e comúns contra a escalada represiva do Estado. Unha alianza de forzas en defensa da democracia e os dereitos fundamentais.

O chamamento tivo un impacto parcial no pleno desta cuarta feira no Parlament, convocado por iniciativa das bancadas independentistas para enviar a mensaxe ao mundo de que, tendo maioría parlamentar para o facer, se ven imposibilitados de elixir como president a un candidato soberanista -Puigdemont, Sànchez, Turull, as tres opcións consecutivamente falidas- dado o veto interposto polas autoridades xudiciais españolas.

Si, impacto parcial, porque soberanistas e comúns acordaron votar conxuntamente unha proposta de resolución en demanda da liberdade dos presos políticos, mais embarrancaron na cuestión clave do pleno, o pronunciamento de que cómpre garantir a plenitude dos dereitos políticos de Puigdemont -nomeadamente os do president, pola súa especial potencia simbólica-, Sànchez e Turull. Aí non houbo acordo e a moción foi aprobada só cos votos de JxCat, ERC e CUP.

O bloco indepentista conseguiu a aprobación dunha moción -sen os votos dos comúns- en que se constata que existe unha maioría suficiente para investir Puigdemont  -na defensa da restitución do ex president puxeron especial énfase JxCat e CUP-. Dos tres candidatos propostos até agora só o político de Girona reúne o apoio das tres forzas independentistas, sendo que a CUP rexeitou no seu momento quer Sànchez quer Turull.

Proposta transversal

O outro titular político da sesión deuno Xavier Domènech e a súa proposta de Govern de concentración nacional, transversal, con persoas independentes. A transversalidade ficou tamén a medias. Domènech conseguiu o apoio de ERC e JxCat, mais non así o de PSC e CUP, que optaron pola abstención. Os unionistas PP e Cs cargaron contra os comúns, aos que imputaron térense vendido ao independentismo.

Esta xogada pode ter o seu percorrido, se finalmente o bloco soberanista opta por pór sobre a mesa un candidato limpo de sospeitas xudiciais. ERC, JxCat e Catalunya en Comú reúnen 74 parlamentares, 6 máis que a maioría absoluta. En termos prácticos, serían 72 se Carles Puigdemont e Toni Comín non renuncian ás súas actas. Suficientes para superar o trámite da investidura. 


 

Comentarios