Cámara Baixa

O soberanismo une forzas no Congreso

Na véspera da constitución da Cámara Baixa, representantes nas Cortes Xerais das formacións soberanistas da Galiza, Euskal Herria e Catalunya xuntáronse para visualizar o seu compromiso de traballar de maneira conxunta na defensa do dereito de autodeterminación.

Rego (BNG) con epresentantes de forzas soberanistas vascas e catalás (cedida)
photo_camera Rego (BNG) con representantes de forzas soberanistas vascas e catalás (cedida)

Ás portas do Congreso dos Deputados xuntáronse representantes das formacións soberanistas da Galiza, Euskal Herria e Catalunya. Quixeron así, na tarde desta segunda feira 2 de decembro, cando apenas quedan unhas horas para que se constitúa a Cámara Baixa, amosar o seu compromiso de traballar conxuntamente en defensa da democracia e do dereito de autodeterminación.

O deputado do BNG, Néstor Rego, asistiu a esta xuntanza en que tamén estiveron deputadas e senadoras de Euskal Herria e de Catalunya, nunha lexislatura en que a suma das actas das formacións soberanistas das tres nacións é maior ca nunca na Cámara. Na fotografía, á fronte das e dos deputados, situáronse Gabriel Rufián (ERC), Laura Borràs (Junts), Mertxe Aizpurua (EH Bildu) e o propio Rego (BNG).

Nesta cita amosouse a vontade conxunta de sumaren as súas forzas para avanzar en dereitos sociais, democráticos e nacionais. Participaron nela representantes electas polas candidaturas que o pasado 25 de outubro asinaron a Declaracións de Lotja de Mar.

De feito, este documento foi subscrito polo BNG, Euskal Herria Bildu, Junts per Catalunya, Esquerra, a CUP e outras forzas del Països Catalans. A declaración interpela directamente o Estado español para que abra vías de diálogo con Catalunya, mais tamén co resto das nacións e simboliza unha unión de forzas en torno á reivindicación do dereito de autodeterminación dos pobos.

Ademais, o texto recrimina ao Estado español a falta de respecto polo dereito a decidir e sinala esta circunstancia como a consecuencia dos “retrocesos democráticos que padecen as nosas nacións” e cita como exemplos da involución as “continuas ameazas de suspensión de autonomía”, “o recorte permanente dos nosos respectivos niveis de autogoberno mediante o intervencionismo do Tribunal Constitucional”, “unha acción lexislativa recentralizadora” e a “persecución policial de activistas e actividades políticas de carácter non violento”, entre outros.

Comentarios