Catalunya

O soberanismo catalán procura a unidade de acción na investidura

As formacións independentistas catalás queren partillar e debater as posicións que manterán na sesión de investidura de Pedro Sánchez. Rufián xa demandou a JxCat unha xuntanza para acordar unha «unidade de acción» de cara ás negociacións. Coa CUP xa teñen reunión prevista.

Gabriel Rufián no Congreso (arquivo).
photo_camera Gabriel Rufián, na anterior sesión de investidura en 2019.

Baixo o obxectivo de reunirse e explorar unha unidade de acción do independentismo catalán tanto nas negociacións da investidura de Pedro Sánchez como na propia sesión no Congreso, Esquerra enviou unha carta para xuntarse con JxCat . Pola súa banda, a formación de Puigdemont pediu esta sexta feira, 15 de novembro, un cumio de todos os partidos independentistas para explorar unha posición conxunta fronte á investidura de Sánchez.

A misiva de ERC asínaa o portavoz republicano no Congreso, Gabriel Rufián, e a portavoz de Esquerra, Marta Vilalta. Nela esperan que o encontro proposto sirva para avanzar na «unidade do independentismo para encarar os retos comúns» que deben afrontar, e confían en que sexan capaces de chegar a acordos que permitan avanzar cara á autodeterminación e a independencia.

Na carta, Rufián e Vilalta chaman a ser conscientes da forza do independentismo e da responsabilidade que teñen coa maioría social en Catalunya.

O comité negociador de ERC acordou tamén atoparse coa CUP de maneira oficial na vindeira semana e abordar as súas posicións na investidura do presidente do Goberno.

A CUP realizou un chamamento esta quinta feira 14 de novembro ás forzas políticas soberanistas con representación no Congreso para impedir a investidura de Sánchez, bloquear a gobernabilidade do Estado e loitar pola amnistía, o dereito á autodeterminación e a defensa dos dereitos sociais.

Polo de agora, as tres forzas independentistas sitúanse no voto en contra á investidura do líder do PSOE. A CUP non contempla ningunha opción de moverse do ‘non’, mentres que ERC pide ao PSOE un compromiso para estabelecer unha mesa de negociación sobre o conflito en Catalunya partindo da Declaración de Pedralbes e sen liñas vermellas.

Comentarios