BNG, CUP e IU votan en contra de ampliar a OTAN

O Congreso español deu luz verde esta quinta feira á adhesión de Suecia e Finlandia á OTAN, con 290 votos a favor, 11 en contra e 47 abstencións. Votaron a favor PSOE, PP, Vox, Ciudadanos, Vox e o PdeCat. Podemos, e outros socios do Executivo, como ERC, Bildu, Más País e Compromís, abstivéronse, mentres que BNG, CUP e os parlamentarios e parlamentarias militantes de IU que forman parte de Unidas Podemos votaron en contra.

O deputado de ERC Gabriel Rufián, á entrada no salón de plenos (Europa Press).
photo_camera O deputado de ERC Gabriel Rufián, á entrada no salón de plenos (Europa Press).

O Congreso español avalou na quinta feira a entrada de Suecia e Finlandia na OTAN, cunha votación na que os socios do Goberno diferiron. Así, mentres os ministros do PSOE votaron a favor, os de Unidas Podemos abstivéronse.

Ademais de Néstor Rego (BNG), Mireia Vehí e Albert Botrán (CUP), votaron en contra da adhesión de Suecia e Finlandia á OTAN as deputadas de Podemos Gloria Elizo e Rosal Medel -aínda que, posteriormente, aclararon á Dirección de Unidas Podemos que se equivocaran-. Tamén se posicionaron en contra Enrique Santiago, José Luis Bueno, Miguel Ángel Bustamante e Roser Maestro (IU), o representante de En Comú Podem Joan Mena, que forma parte de IU aínda que computa dentro da confluencia catalá e mais a deputada canaria María del Carmen Pita, que abandonou Unidas Podemos para facer parte do Grupo Mixto.

O BNG di “non” á OTAN

Na súa intervención, o portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, explicou que non está de acordo en “continuar ampliando e reforzando esta organización militar” nin coa súa existencia. “Mantemos o noso criterio de que o mellor que pode facer é disolverse e desaparecer”, afirmou.

Rego puxo de manifesto que a OTAN “nunca foi defensiva, como pregoan os seus partidarios”. “Naceu e creceu como punta de lanza das ofensivas que en cada momento interesaron ao imperialismo americano”, expuxo, e sinalou que isto ficou en evidencia “cando rematada a Guerra Fría”, en lugar de desaparecer, “continuou a súa expansión cara ao leste, xerando tensión e duplicando os seus membros nas dúas últimas décadas”.

O portavoz do BNG no Congreso atribuíu á OTAN “centos de millares de persoas mortas, feridas e refuxiadas”, con “actuacións cruentas” en Serbia, Iraq, Afganistán, Libia ou Siria e criticou que a OTAN marque pautas para financiar a súa nova estratexia, como aumentar o gasto militar até o 2% do Produto Interior Bruto (PIB).

A este respecto, salientou que, de contar todos os ministerios, o gasto militar está xa máis próximo ao 3 que ao 2% do PIB “nun momento de dificultades sociais e económicas extremas”. “Aumentar o gasto militar parece irresponsábel sempre, pero éo máis neste contexto”, apuntou.

Os recursos, dixo, sempre limitados, “retiraranse de políticas sociais, servizos públicos e fomento da actividade económica” e sinalou o complexo militar e industrial dos EUA como maior beneficiado.

“Pregunten á axente se prefire tanques a escolas, avións a hospitais ou bombas a máis residencias de maiores”, inquiriu Rego, que explicou que ampliar a OTAN significará “incrementar a escalada bélica cando o urxente é parar a guerra e facelo canto antes, con vías pacifistas, dialogadas e negociadas”.

Alberto Garzón desmárcase de IU

Fontes de IU puxeron de manifesto en declaracións aos medios que a súa dirección federal decidiu votar non tras un debate intenso no seo do grupo parlamentario “que se desenvolveu con total normalidade e entendemento entre as distintas formacións que o integran e atendendo aos seus protocolos de funcionamento”.

Así, votaron en contra as deputadas e deputados militantes de IU que pertencen a Unidas Podemos, mais non o líder de Izquierda Unida, o ministro Alberto Garzón, que se abstivo, ao igual que a ministra Yolanda Díaz, quen fora coordinadora de IU na Galiza.

O PSOE critica a "equidistancia" do seu socio de Goberno

Durante o debate, o portavoz do PSOE, Sergio Gutiérrez, avisou tanto a Podemos como IU de que non se pode ser equidistante "ante o sufrimento doutros pobos, entre agresores e agredidos, entre os invasores e invadidos, entre os ameazados e os que ameazan". Tamén lles reprochou que usen este conflito como "escusa" para criticar a OTAN e non apoiar por iso a entrada de Finlandia e Suecia nesta organización.

"Que Suecia e Finlandia tomen a decisión que consideren adecuada pero non será no noso nome", sostivo pola súa banda o portavoz do Grupo Confederal de Unidas Podemos Gerardo Pisarello, tras criticar duramente a Alianza e tamén a UE, "que se fundou co obxectivo declarado de buscar a paz e está a facer pouco ou nada para parar a guerra".

ERC, EH Bildu e Compromís abstéñense

Outros socios do Goberno como ERC, EH Bildu, Más País e Compromís optaron pola abstención, que xustificaron baixo o “respecto” ás “decisións soberanas” de Suecia e Finlandia e pronunciáronse críticos sobre o papel da OTAN. O portavoz de EH Bildu, Jon Iñarritu, cuestionou a OTAN como organización e dixo que a guerra en Ucraína non se resolve nin con ela nin co envío de máis armas".

Nos corredores do Congreso, o portavoz de ERC, Gabriel Rufián lembrou a súa posición crítica coa OTAN pero subliñando o dereito á "autodefensa" de calquera Estado, "incluído Ucraína", e tamén o "escrupuloso respecto" da súa formación ás "soberanía" dos dous países nórdicos.

Comentarios