Só o 5,5% das persoas contaxiadas pola Covid-19 teñen a pauta de vacinación completa

A ministra de Sanidade, Carolina Darias, afirma que os números entran "dentro da eficacia vacinal, que está en torno ao 90%". Malia afirmar que a nivel do Estado español a transmisión do virus cae, a representante insta a ter "máxima prudencia".
A ministra Carolina Darias nunha comparecencia ante os medios. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press) #sanidade #coronavirus #covid19 #carolinadarias
photo_camera A ministra Carolina Darias nunha comparecencia ante os medios. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)

A ministra de Sanidade, Carolina Darias, compareceu esta terza feira após a última reunión do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (CISNS) para instar á sociedade a manter a "máxima prudencia" para reducir a incidencia da quinta onda nun momento no que "a velocidade dos contaxios está a diminuír nos últimos días". Ademais, a representante da equipa de Pedro Sánchez quixo deixar claro que a vacinación está a funcionar malia que algunhas novas apunten á infección de persoas que xa estaban inmunizadas fronte á pandemia.

Unha das cuestións que quixo aclarar a responsábel da carteira de Sanidade é que a vacinación segue a ser importante malia que haxa casos activos de coronavirus en persoas que recibiran o tratamento.

A este respecto, subliñou que nas últimas cinco semanas arredor do "5,5% dos positivos notificados" polos distintos territorios "estaba completamente vacinado". É dicir, non tiña unha inmunización completa fronte á Covid-19.

En todo caso, Darias remarcou que a cifra de contaxios "está dentro da eficacia vacinal, que está arredor do 90%", pois como xa viñan alertando outros responsábeis sanitarios como o propio director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias (CCAES), Fernando Simón, non todas as persoas reciben o mesmo nivel de inmunización cando rematan a pauta.

Así, aludiu a que un 11,4% das cidadás afectadas só recibiran unha dose da vacina e o resto das persoas non estaban tratadas. "Estes datos falan da importancia da vacinación para protexernos contra o virus", destacou a ministra. Aliás, dentro do total de infeccións de coronavirus, perto do 43% son da variante Delta para a que non estaban pensados os distintos fármacos malia que vaia ser "a variante que vai predominar nas próximas semanas".

"Prudencia" e vacinación

Precisamente respecto da campaña de inoculación dos medicamentos, na reunión do Comité Interterritorial o ministerio e representantes dos diferentes territorios acordaron un reparto "modesto" das doses que van chegando desde as grandes farmacéuticas.

"Ningunha vai recibir dose de menos, simplemente que as cantidades de máis que imos recibir de Moderna van ir a aquelas que están a recibir por baixo da súa poboación", detallou Darias, que aclarou que a entrega se vai a producir "xa na primeira semana de agosto".

Sen adiantar o que pasará dentro dun mes, a titular de Sanidade remarcou na súa comparecencia que "a pandemia continúa en ascenso, aínda que é verdade que a velocidade de subida está a diminuír nos últimos días". "Temos que seguir con prudencia se se continúan retardando os contaxios, pero a circulación do virus segue sendo elevada, polo que hai que seguir con máxima prudencia", resumiu.

Comentarios