Só o 38,6% do eleitorado vota no referendo da Constitución do goberno golpista en Exipto

A Constitución ilegaliza os partidos islamistas. O 98% das e dos eleitores votaron SI e, de facto, lexitimaron o golpe militar. A Irmandade Musulmá pedira a abstención.

egito
photo_camera O Exército é o poder real no Exipto

O Exército é quen goberna no Exipto e isto continuará así após a aprobación dun texto constitucional que na prática sitúa fóra da lei a organización política máis numerosa e mellor organizada do país, a Irmandade Musulmá.

A aprobación da Constitución non fecha a crise política aberta no país, sendo que cuase dous terzos do eleitorado continúan sen votar [isto tamén aconteceu no referendo da Constitución anterior, de carácter islamista, que só fora votada en decembro de 2012 polo 32,2% das e dos cidadáns].

3 islamistas mortos pola policía

O líder fáctico do país, o xeneral Abdel Fattah al-Sissi, vice-primeiro ministro e ministro de Defensa, ligou o Si a esta Constitución a unha súa eventual candidatura á presidencia. É claramente favorito, dada a situación de ilegalidade en que se achan os islamistas.

Al-Sissi, como todos os dirixentes do réxime, apoiado polos EUA, presentou o referendo constitucional como un aval ao golpe que depuxo a Morsi, o primeiro presidente civil eleito democraticamente polo pobo exipcio.

En todo caso, os protestos continúan e a oposición islamista, cuxo obxectivo en primeira instancia é conseguir a liberación do presidente deposto Mohamed Morsi, está lonxe de ser aplacada  e, de facto, a sexta feira tres activistas da Irmandade foron mortos en confrontos coas forzas policiais.

Comentarios