Só o 25% da poboación do Estado defende o actual marco autonómico

Un terzo móstrase de acordo con que os territorios que queiran realicen referendos de autodeterminación. O 26,2% decantaríase por un modelo federal ou por recoñecer o dereito á independencia. 

Galiza pola soberanía

O debate arredor da organización territorial do Estado transcende o ámbito do debate político. Socialmente constátase a desafección cara ao actual modelo das autonomías. Así se reflicte nos datos da sondaxe realizada por Sondea Investigación Social, con base en 1.995 entrevistas telefónicas realizadas entre o 9 e o 30 de abril. Nela recóllese que apenas o 25,1% quere que se manteña o actual modelo. Aliás, á hora de valorar os resultados do sistema autonómico logo de 30 anos máis da metade (o 53,4%) repártese entre o considerar “máis negativo que positivo” ou, en termos neutros, “nin positivo, nin negativo”.

O 31,5% afirma estar conforme con que se realicen referendos de autodeterminación

Con todo, son tamén minoría as persoas que se decantan por reducir as competencias autonómicas (17,7%) ou que apostan por unha total centralización do Estado (18,2%). Desta maneira o 51,3% amosase partidario de manter ou aumentar a capacidade de decisión dos diferentes territorios.

Neste senso, salienta que un 20,3% se declare favorábel a un modelo de tipo federal e sexa case un 6% o que se inclina a prol de que lle recoñecer ás comunidades a posibilidade de se independizar. De feito, noutra das preguntas do cuestionario un 31,5% afirma estar conforme con que os territorios que o desexen realicen referendos de autodeterminación.

Comentarios