No Estado español só entraron 38

Só 1.638 persoas refuxiadas das 160.000 anunciadas foron acollidas pola UE

En setembro de 2015, a UE comprometérase a acoller 160.000 persoas refuxiadas a través dun sistema de cotas. Porén, tan só foi quen de acoller 1.683, procedentes de Italia e Grecia.

[Imaxe: ACNUR]
photo_camera [Imaxe: ACNUR]

Após dous meses desde que a UE e Turquía asinaran o polémico acordo en virtude do cal as persoas refuxiadas chegadas ás costas gregas serían devoltas ao país dirixido por Erdogan, apenas se coñecen dados sobre o balance do número de persoas acollidas. E é que a UE, por cada persoa deportada a Turquía se comprometera a acoller outra. Aliás, a UE comprometérase a liberalizar os visados das persoas turcas; pagaríalle 6.000 millóns a Turquía e aceleraría a súa integración á comunidade.

Porén, en setembro de 2015 a UE xa quedara en acoller 160.000 persoas refuxiadas a través dun sistema de cotas, mais este sistema resultou un fracaso á vista dos números. E é que só 1.683 persoas foron resituadas. Trátase dunha cifra insuficiente tendo en conta a magnitude da situación. En 2016, segundo a ACNUR, chegaron 194.845 persoas refuxiadas por mar en Europa, a gran maioría a través das costas gregas.

Pola súa banda, o Estado español comprometérase a acoller 16.000 persoas refuxiadas entre 2016 e 2017, isto é, un total de 2.000 persoas ao mes. Con todo, até este mes de maio, o Estado español tan só acollera 18 persoas. A pasada terza feira chegaron ao aeroporto de Madrid 20 refuxiadas, 13 sirias e 17 iraquís, e forman parte das 586 persoas que deben chegar ao Estado antes de finais de xuño.

Un dos problemas cos que se atopan as persoas refuxiadas é a falta de recoñecemento da formación que recibiron nos seus países. Moitas delas son persoas cualificadas e formadas en cursos e universidade, mais o Ministerio de Educación obriga a certificalos. Segundo a Cruz Vermella é difícil que as refuxiadas porten as certificacións enriba cando foxen dos seus países e se xogan a vida para chegaren a Europa, polo que reclama que se solucione este problema a través de probas de coñecemento.

Comentarios