A situación do sistema financeiro español preocupa á autoridade bancaria europea

A banca acumula créditos de dubidoso cobro por 200.000 millóns de euros.
A presidenta do Banco Santander, Ana Patricia Botín (Imaxe: Europa Press).
photo_camera A presidenta do Banco Santander, Ana Patricia Botín (Imaxe: Europa Press)

O sistema financeiro evidencia o carácter subalterno do capitalismo español e a súa dependencia dos centros globais. A titularidade e os accionistas de referencia das principais entidades de crédito do Estado son ben significativos disto. Agás Caixabank, propiedade en 40% da Fundación La Caixa, e Bankia, cuxo maior accionista é o Goberno a través do Fondo de Restructuración Ordenada Bancaria (FROB), o resto dos principais grupos bancarios están en mans de fondos de investimentos. O estadounidense Blackrock é o primeiro accionista do Banco Santander e do BBVA, con participacións que superan nos dous casos 5% do capital total.

A banca estatal non levanta cabeza desde o estoupido de 2007, que detonou a coñecida como Longa Depresión. Malia que os balances das entidades españolas presentan uns números moi semellantes á do groso das entidades italianas e mesmo do xigante alemán Deustche Bank, a súa descapitalización e perdas significan unha anomalía no espazo continental. Así, por exemplo, o Banco Santander pasa dunha capitalización de máis de 92.000 millóns de euros en 2007 a 31.069 millóns de onte, o que representa unha desvalorización de máis de 60.000 millóns de euros. Outro tanto acontece co BBVA, que ve reducido o seu valor nos últimos 13 anos en 15.000 millóns de euros, cunha capitalización na actualidade que representa practicamente a metade de 2007.

A situación está chamada a empeorar polas actuais circunstancias económicas. Os resultados presentados polas principais entidades de crédito do Estado para o primeiro semestre do ano 2020 certifican as dificultades da mesmas, aflorando en moitos casos números vermellos. O Banco Santander declara unhas perdas para o período de 10.798 millóns de euros, recoñecendo o BBVA uns resultados negativos por un valor de 1.157 millóns de euros. A este respecto, a economista Begoña Casas sinala que “as entidades financeiras, a raíz da crise do coronavirus, teñen nas súas carteiras créditos de dubidoso cobro por riba de 200.000 millóns de euros a finais de ano, o que pode disparar a morosidade a 15%”.

A exposición do sistema financeiro español ao sector servizos é outro motivo de preocupación para os directivos das entidades e para o supervisor bancario europeo. Nesta liña, afirman que 26% do crédito total concedido pola banca estatal ás empresas correspóndense con actividades moi golpeadas pola pandemia, sumando unha contía de arredor de 140.000 millóns de euros.

Comentarios