Máis de 12.000 sismos nos Açores desde o 19 de marzo

As autoridades advirten da "posibilidade real" dunha erupción volcánica en São Jorge, mais precisan que "non é inminente".
Sismos rexistrados en Sao Jorge. (Mapa: RTVC)
photo_camera Sismos rexistrados en São Jorge. (Mapa: RTVC)

A terra segue a tremer no arquipélago portugués dos Açores, e máis concretamente na illa de São Jorge, que desde o pasado 19 de marzo está a sufrir constantes sacudidas.

O Centro de Informação e Vigilância Sismovulcânica dos Açores (Civisa) notificou a última hora deste sábado, a través dun comunicado recollido polo xornal Público, que entre as 10 e as 22 horas [hora local] do día rexistráranse 210 sismos; 770 desde a medianoite.

Porén, na sexta feira tivérase constancia duns 870 eventos sísmicos, "o que reflecte uma ligeira diminuição da actividade sísmica", apuntou o Civisa, que engadiu que os rexistrados foron de baixa magnitude.

En total, nos últimos días producíronse arredor de 12.700 tremores no municipio de Velas e os lugares de Rosais, Urzelina e Santo Amaro, principalmente.

São Jorge ten 8.373 habitantes, dos cales 4.936 residen en Velas e 3.437 no concello da Calheta. Segundo o xornal Expresso, até este domingo abandonaron a illa perto de 1.250 persoas.

O Goberno rexional dos Açores xa advertira na quinta feira da "posibilidade real" de que a actividade sísmica provocase unha erupción volcánica e ordenou preparar un dispositivo de evacuación por se for preciso, ao tempo que instou as persoas vulnerábeis a abandonar a illa.

No seu comunicado deste sábado, o Civisa ratificou esta advertencia: "Existe a possibilidade real de se poder vir a registar uma erupção vulcânica, mas não há evidências de que tal esteja iminente".

Comentarios