Máis de 1.400 mortos por un terremoto de magnitude 7,8 en Turquía e Siria

As autoridades de ambos os países traballan arreo para localizar e rescatar as persoas sobreviventes.
Varios edificios quedaron reducidos a escombros no sueste de Turquía, perto da fronteira con Siria. (Foto: Depo Photos / Zuma Press)
photo_camera Varios edificios quedaron reducidos a escombros no sueste de Turquía, perto da fronteira con Siria. (Foto: Depo Photos / Zuma Press)

Un terremoto de magnitude 7,8 na escala de Richter sacudiu nas últimas horas a provincia turca de Kahramanmaras e outras rexións do país próximas á fronteira con Siria, deixando até o momento un balance de máis de 1.400 persoas falecidas —outras tantas feridas— e centos de edificios totalmente derruídos como consecuencia das decenas de réplicas derivadas deste forte tremor rexistrado durante a madrugada.

O presidente de Turquía, Recep Tayyip Erdogan, cifrou en 912 as vítimas mortais no seu territorio na mañá desta segunda feira, namentres as autoridades de Siria notificaron 326 mortes nas áreas do país dominadas polo Goberno de Damasco e até 221 noutras zonas do noroeste. Hai, aliás, máis de 5.300 persoas feridas.

Esta estimación, con todo, podería non ser un reflexo exacto da realidade, dado que, tal e como advertiu o gobernador de Kahramanmaras, Omer Faruk Coskun, "non é posíbel dar un número exacto de mortos e feridos nestes momentos", se ben si se pode concluír que os danos ocasionados "son moi graves".

"O noso Estado adoptou medidas con todas as institucións desde que tivo lugar o terremoto e as nosas provincias mobilizaron todas as súas capacidades", precisou Erdogan, quen afirmou tamén que máis de 9.000 traballadores están a traballar nos labores de busca e rescate de sobreviventes.

Desde a Organización Mundial da Saúde (OMS) manifestaron a súa "preocupación" por aquelas zonas de Turquía afectadas polo sismo das que "non hai aínda noticias", ao tempo que alertaron de que se vai producir unha "maior necesidade de atención traumatolóxica para tratar os feridos e apoiar a todo o sistema de saúde nas áreas máis afectadas", segundo recolle a axencia Reuters.

As autoridades da Unión Europea trasladaron o seu agarimo a Siria e Turquía e a presidenta da Comisión, Ursula von der Leyen, asegurou que "o apoio de Europa está xa en camiño". A UE está a coordinar a despregadura de medios de rescate após ofrecer asistencia algúns Estados como Países Baixos ou Romanía.

Tamén outros líderes políticos alén do espazo comunitario, como o presidente ruso, Vladimir Putin, avanzaron a súa disposición a axudar. "Rusia está preparada para dar toda a axuda precisa", manifestou Putin. E o mesmo asegurou o seu homólogo ucraíno, Volodimir Zelenski: "Nestes momentos difíciles, estaremos perto do pobo turco".

Pola súa parte, o presidente español, Pedro Sánchez, trasladou a súa "solidariedade" con Turquía e Siria "ante un dos maiores terremotos da súa historia". O Ministerio do Interior, a través de Protección Civil, activou un dispositivo da Unidade Militar de Emerxencias (UME) de transporte aéreo urxente para "apoiar nas tarefas de busca".

O líder do PP a nivel estatal, Alberto Núñez Feixoo, engadiu tamén o seu apoio: "Seguimos con preocupación a súa evolución e estendemos a nosa solidariedade e apoio aos países afectados". E desde a Galiza, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, enviou "toda a solidariedade e apoio para axudar nun momento tan difícil".

Comentarios