Siria insta aos EUA a que proben ante a opinión publica que Damasco usou armas químicas

Damasco dá por feito o ataque da coligación EUA-Reino Unido-Franza. Porén, o ministro de Información do país árabe, Omran Ahed Zoabi, instou aos EUA a que apresente perante a opinión pública internacional probas do alegado uso de armas químicas durante un pretenso ataque o 21 de Agosto nos suburbios de Damasco.

Siria tanques
photo_camera Siria tanques

Ahed Zoabi pronunciouse nestes termos durante unha entrevista coa CNN. O mesmo membro do Goberno de Al-Assad afirmou, noutra entrevista, desta volta con France 24, que o presidente Bashar Al Assad está á espera de que a misión de expertos da ONU presente as conclusións das súas investigacións.

Zoabi reiterou a tese de Damasco de que as armas químicas foron utilizadas por "grupos terroristas armados". "Os responsábeis son os grupos terroristas. Eles foron os que introduciron esas armas en Siria. Fornécenllelas certos Estados como Turquía e Arabia Saudí e algúns países europeus", dixo Zoabi, quen non esclareceu a identidade destes últimos.

Por súa parte, o ministro de Asuntos Exteriores sirio, Walid Muallem, dixo que ningún país no mundo utiliza armas químicas contra o seu próprio pobo.

Siria di que o ataque estranxeiro só beneficiará "os grupos terroristas vinculados a Al-Qaeda"

Muallem enfatizou que o eventual ataque da coligación EUA-Reino Unido-Franza non impedirá que Damasco continúe a combater contra o que cualifican como grupos terroristas.

"Se o obxectivo é limitar as victorias das nosas forzas armadas [no combate contra as forzas opositoras, entre elas grupos vinculados a Al Qaeda], eles fracasarán", agoirou Muallen, para quen o ataque estranxeiro só beneficiará "os grupos terroristas vinculados a Al-Qaeda".

O alegado uso de armas químicas é só un pretexto para a intervención militar imperialista.

"Temos dúas opcións: ou rendernos ou defendernos a nós mesmos cos medios dos que dispomos. A segunda opción é a mellor: defenderémonos a nós mesmos", dixo o ministro nunha conferencia de imprensa televisada a todo o país.

Comentarios