Siria inmersa en campaña electoral para elixir novo presidente

Bashar Al-Assad opta á reelección nos comicios fixados para o 3 de xuño. Canda el concorren o exministro Hassan Abd-Allah al-Nuri e Maher Abdel al-Hafiz Hayyar, fundador do Comité Nacional Comunista. A oposición financiada polos EUA cualifica os comicios de farsa.

siria
photo_camera O 3-X o pobo sirio está chamado ás urnas.

Primeira semana de campaña rumo aos comicios presidenciais na Siria. Nas eleccións multipartidistas que terán lugar o próximo 3 de xuño concorren tres candidatos diferentes, entre eles o até agora presidente Bashar al-Assad, quen decidiu non esgotar o seu mandato que vencía o 17 de xullo, o que tería demorado os comicios até outono.

Canda Bashar al-Assad, competirán na carreira presidencial Hassan Abd-Allah al-Nuri e Maher Abdel al-Hafiz Hayyar. Ningunha muller. Assad opta á reelección para un terceiro mandato á fronte do país baixo o lema "Sawa" ("Xuntos") e cun discurso fortemente patriótico apela ao voto "con conciencia nacional".

Hayyar é o candidato da esquerda patriótica, opositora a Assad pero contraria á guerra imperialista

Nuri (1960) é un home de negocios nacido en Damasco pero que estudou nos Estados Unidos. Foi ministro de Estado para o desenvolvemento da Adminsitración Pública e de Asuntos Parlamentares entre o ano 2000 e o 2002.O seu programa céntrase na reactivación económica, para a que advoga por un maior papel da iniciativa privada e a posta en marcha de "reformas".

Hayyar, orixinario de Alepo é deputado. Foi un dos fundadores en 2003 do Comité Nacional Comunista de Siria, que daría lugar ao actual Partido da Vontade Popular, forza integrada na Fronte Popular para o Cambio e a Liberación (FPCL). Vén de prometer que de resultar elixido aplicará unha amnistía xeral para "pasar páxina" aos tres anos de guerra. Aposta tamén por acabar coa corrupción e comprometeuse a combater a pobreza, promovendo o emprego, aumentando os salarios e "redistribuindo a riqueza".

A Constitución, reformada en 2012, e a Lei electoral fixaban como requisitos para se presentar ter vivido no país os últimos dez anos, ser maior de 40 anos, ter a nacionalidade e ser fillo/a de sirios, non ter antecentes penais nin ter contraído matrimonio cunha persoa estranxeira así como obteren o apoio de como mínimo 35 deputadas. 

O aspirante con maiores opcións arestora é o actual Presidente. Assad conta cun importante apoio popular, do que son mostra as grandes mobilizacións que se sucederon en diversos puntos do país coincidindo co inicio da campaña, o pasado domingo, e que lograron congregar a milleiros de persoas en cidades como  Damasco, Izraa (Deraa), Tartous, Latakia e Sweida.

Unha farsa para a Coalición opositora financiada polos EUA

Estados Unidos e as forzas opositoras a Assad aglutinadas na chamada Coalición nacional para as forzas da revolución e a oposición siria (CNFROS) cualificaron de "farsa" a convocatoria electoral. Días antes do inicio da campaña Ahmad Jarba, voceiro da CNFROS, viaxaba a Washington onde mantivo encontros con representantes de alto nivel da administración de Obama, entre eles o Secretario de Estado, John Kerry. Desde a diplomacia norteamericana aproveitaron esta visita para outorgarlle status de "misión diplomática" á delegación opositora. 

A Coalición opositora pediu a Washington armamento sofisticado para a "insurxencia" mercenaria

Como resultado do encontro os EUA comprometeron unha nova remesa de 27 millóns de dólares para financiar a oposición. O apoio económico brindado aproxímase aos 300 millóns de dólares, tomando man das cifras oficiais asumidas por Washington. Jarba recoñeceu que entre os propósitos da súa viaxe era lograr o envío de armamento "sofisticado" para llo fornecer aos cualificados "insurxentes". Na Siria estímase que son 100.000 os mercenarios estranxeiros presentes no país, cunha participación destacada no conflito armado iniciado en marzo de 2011.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios