O Sinn Féin gañaría as eleccións en Irlanda do Norte

A enquisa do Belfast Telegraph apunta a unha importante caída do unionista DUP, o partido que liderou a política nos seis condados durante décadas.

irlanda norte belfast

O Sinn Féin sería a candidatura máis votada en Irlanda do Norte de se realizar agora eleccións nestes seis condados da illa baixo dominio británico. Este escenario, que é o que prognostica a enquisa de LucidTalk para o Belfast Telegraph, suporía un punto d einflexión na historia política e social de Irlanda do Norte desde a ‘partición’.

A sondaxe indica unha importante caída do DUP, que deixaría de ser primeira forza en beneficio do Sinn Féin e mesmo vería en perigo manter a segunda praza, pois a lista ‘Alliance’ disputaríalle ese posto.

O republicanismo irlandés gañaría as eleccións cun 24% dos votos, segundo este traballo. Lograría así conseguir o que estivo a piques de acadar nas eleccións de 2017, cando ficou a unhas décimas e 1 deputado de vencer nos comicios. O Sinn Féin gañando en Irlanda do Norte é algo que nin Londres nin, moito menos, o unionismo máis recalcitrante desexen. Mais o Brexit e a xestión que se está a facer del no ‘Ulster’ está a levar a parte do unionismo a posicións máis extremas, pagando o DUP a factura.

Así, o DUP (Partido Democrático Unionista, dereita) caería até 19% dos votos, pero boa parte dos apoios que perde van dar ao TUV, a escisión que o DUP sufriu en 2007 e que se move en coordenadas aínda máis extremistas, de dereita dura.

Alliance sería terceira forza (18%), coa súa aposta intercomunitaria e centrista. O SDLP, socialdemócratas e pro unidade irlandesa; tería 13% e a seguir, con 10% dos votos, situaríase o centro dereita unionista do UUP.

People Before Profit (de ámbito irlandés, nado dunha confluencia de activistas e formacións como a trotskista Partido Socialista dos Traballadores) e o Partido Verde moveríanse nun abano de apenas 2% dos votos.

Comentarios