Sinn Fein e SDLP apoian o acordo de May con Bruxelas

Portavoces das formacións nacionalistas irlandesas expresaron esta quinta feira o seu respaldo ao contestado acordo de Theresa May con Bruxelas sobre o Brexit. O pacto da primeira ministra do Reino Unido coa UE dificilmente obterá o plácet de Westminster na votación que terá lugar o próximo mes de decembro. O sector crítico do Conservative Party amaga con presentar unha moción de confianza [equivalente á censura] contra May.

 

 

mary lou mcdonald gerry adams
photo_camera Mary Lou McDonald, acompañada polo líder histórico, Gerry Adams

Michelle O'Neill, portavoz do Sinn Fein na asemblea de parlamentares dos 6 condados norteños, e Colum Eastwood, líder do SDLP [Partido Socialdemócrata Laborista, soberanista], mantiveron esta quinta feira un encontro en Dublín con Leo Varadkar,Taioseach [primeiro ministro] da República de Irlanda. Na entrevista participaron tamén representantes da Alianza e dos Verdes, partidos do norte favorábeis tamén á permanencia na UE.

Ao remate do encontro, O'Neill e Eastwood manifestaron o seu respaldo ao pacto selado por May con Bruxelas por considerar que protexe o Acordo da Sexta Feira Santa [O Good Friday Agreement], peza clave na pacificación do norte da illa, e porque, de acordo coa súa opinión, ampara tamén "os intereses do pobo en Irlanda do Norte".

No referendo do Brexit, as e os irlandeses dos seis condados aínda baixo xurisdición británica votaron maioritariamente por se manteren na UE, tal e como tamén o fixeron as e os escoceses.

A líder do Sinn Fein, Mary Lou McDonald, dixo esta quinta feira que no caso de que finalmente non calle o acordo entre Londres e Bruxelas [o previsíbel é que sexa rexeitado polo Parlamento] o seu partido defenderá un referendo: "Agardo que non aconteza, mais se finalmente non hai acordo sobre o Brexit, a señora May ou quen a releve en Downing Street ten que entender que nesas circunstancias a cuestión tería que ser trasladada ao pobo de Irlanda".

Comentarios