Dereitos laborais e sociais

Folga xeral en Euskal Herria en xaneiro

Canda as centrais ELA e LAB, fan o chamamento ao paro -previsto para a segunda quincena de xaneiro- as asociacións de pensionistas e o resto de axentes sociais que conforman a Carta de Dereitos Sociais. O obxectivo, protestar contra “a precariedade” e reclamar “un traballo, pensións e vida digna”.

folga-xeral2
photo_camera Presentación da convocatoria de folga pola Carta de Dereitos Sociais de Euskal Herria

Os sindicatos nacionalistas vascos, ELA e LAB, as asociacións de pensionistas e o resto de axentes sociais que conforman a Carta de Dereitos Sociais de Euskal Herria convocaron unha folga xeral para a segunda quincena de xaneiro “sen data concreta aínda” contra “a precariedade” e para reclamar “un traballo, pensións e vida digna”.

Os secretario xeral do ELA (sindicato maioritario), Mikel Lakuntza, e a súa homóloga no LAB, Garbiñe Aranburu, xunto a asociacións de pensionistas e doutros colectivos anunciaron a convocatoria nunha conferencia de prensa en Bilbo esta terza feira, 23 de outubro.

Aramburu sinalou que “coa escusa da crise” foise dando “maior poder ao capital e á patronal” e estes “foron recortando dereitos laborais e sociais”. “A crise de 2008 aproveitouse para continuar a afondar nesas políticas neoliberais”, engadiu.

Lakuntza, pola súa banda, considerou que a folga é “unha gran ocasión” para “recuperar o que nos quitaron nesta última década e para pasar á ofensiva”. Neste sentido, esfarelou as reivindicacións: “pensión mínima de 1080 euros, idade máxima de xubilación aos 65 anos, soldo mínimo de 1.200 euros, xornada de 35 horas semanais, deixar sen efecto as reformas laborais e de negociación colectiva aprobadas nos últimos anos, garantir os dereitos sociais”.

Ao respecto de se contarán con outros sindicatos para a folga, o secretario xeral do ELA dixo que se alguén se quere sumar, “é a súa decisión", aínda que salientou as diferenzas “moi notorias” que teñen coas centrais de ámbito estatal UGT e CC.OO., os que acusan, entre outras cousas, de permitir a xubilación aos 67 anos.

Comentarios