A sexta extinción masiva estase a acelerar e alcanza un punto crítico

Segundo afirma un recente estudo, "pode ser a máis seria ameaza ambiental para a persistencia da civilización porque é irreversíbel".
poboacions_ameazadas
photo_camera Gráfico do estudo que rexistra por especies o tamaño das poboacións con menos de 1.000 individuos (pnas.org)

Tal e como explica o xornalista científico de National Geographic Michael Greshko, máis de 99% dos organismos que algunha vez habitaron a Terra están extintos. Ao tempo que unha nova especie evoluciona para se adaptar aos nichos ecolóxicos en continuo cambio, as vellas desaparecen. Aínda que non de forma constante. En cinco ocasións nos pasados 500 millóns de anos, entre 75% e 90% de todas as especies do planeta desapareceron en eventos coñecidos como extincións en masa ou crises bióticas.

Esta desaparición de especies, con todo, abre a porta a outras novas. A extinción masiva máis estudada, que marca o límite entre os períodos do Cretáceo e do Paleóxeno, aconteceu aproximadamente hai 65 millóns de anos e levou por diante os dinosauros non aviares (os que non son paxaros), deixando espazo para a rápida diversificación e evolución de aves e mamíferos. 

Esta foi a quinta e última extinción no planeta desde que a vida xurdiu hai arredor de 3.500 millóns de anos, e a comunidade científica pensa que estamos xa inmersos na sexta, na extinción masiva do Holoceno, a época xeolóxica actual en que se encontra a humanidade desde a última glaciación, hai uns 11.650 anos.

Tamén coñecida como extinción do Antropoceno ─termo proposto en 2000 polo premio Nobel de química Paul Crutzen para designar o período actual no canto de Holoceno─, é a crise biótica consecuencia da actividade humana, que afecta a numerosas familias de plantas e de animais e que abrangue hábitats de gran biodiversidade.

O actual ritmo é cen veces maior ─segundo os cálculos máis optimistas─ ou até mil ─os máis derrotistas─ en relación á taxa natural de extinción, é dicir, a proporción de especies que desaparecería en ausencia de factores humanos. O principal é a emisión de dióxido de carbono á atmosfera procedente dos combustíbeis fósiles.

"Punto crítico"

A revista científica PNAS (Proceedings of the National Academy of Sciences) acaba de publicar un estudo onde se asegura que a sexta extinción masiva se está a acelerar e advirte que poderiamos estar ante o punto crítico do colapso da civilización. 

Un total de 515 especies terrestres, con menos de mil individuos, teñen o risco de desaparecer en 20 anos, a mesma cantidade que en todo o século pasado. A maioría pertencen ás rexións tropicais e subtropicais.

Titulado "Vertebrates on the brink as indicators of biological annihilation and the sixth mass extinction", foi elaborado por Gerardo Ceballos, do Instituto de Ecoloxía da Universidade Nacional Autónoma de México; Paul R. Ehrlich do Centro de Conservación Biolóxica da Universidade de Stanford, nos EUA; e Peter H. Raven do tamén estadounidense Xardín Botánico de Misuri.

Segundo afirman, "a actual sexta extinción masiva pode ser a máis seria ameaza ambiental para a persistencia da civilización porque é irreversíbel" e aseguran que a aceleración da crise biótica "é segura" debido ao "constante e rápido crecemento do número de poboación humana e das taxas de consumo". 

Efecto dominó

Ademais, a conexión ecolóxica entre especies provocará que a desaparición das primeiras ameaza o de segundas e terceiras. "A extinción xera extinción", din, e apuntan unha última reflexión: "A presión humana sobre a biosfera está a medrar axiña, e un exemplo recente é a actual pandemia da COVID-19, ligada ao comercio de fauna salvaxe". 

Comentarios