Denuncia por suborno contra García Egea

Sesión de control no Congreso coa vista posta nas eleccións en Madrid

Os partidos estatais preparan o terreo para a campaña electoral en Madrid mentres intercambian recriminacións a conta da caixa B do PP e das mocións de censura en Murcia e Castela e León
Pedro Sánchez e Pablo Iglesias na sesión de control desta cuarta feira. (Foto: A. Ortega / Europa Press)
photo_camera Pedro Sánchez e Pablo Iglesias na sesión de control desta cuarta feira. (Foto: A. Ortega / Europa Press)

Na derradeira sesión de control de Pablo Iglesias antes de renunciar ao escano e a Vicepresidencia segunda para candidatarse á Asemblea de Madrid, anunciou que o seu partido vai denunciar a Teodoro García Egea na Fiscalía Anticorrupción porque  “xa está ben de corruptos e de mercar deputados” para evitar a moción de censura en Murcia.

Nunha sesión en clave electoral polas votacións á Asemblea de Madrid do 4 de maio, os partidos estatais trataron de lanzar cadansúa candidatura acusándose entre eles: Iglesias afirmou que o PP usa Madrid coma “fonte de financiamento ilegal” para a caixa B que se está xulgado nestes intres, e lanzou a denuncia por suborno contra Egea.

Pola súa banda, o deputado e secretario xeral do PP contestou solicitando unha comisión de investigación para o caso Plus Ultra, en alusión as axudas públicas recibidas pola compañía aérea.

O voceiro do BNG no Congreso, Néstor Rego, sinalou que “a dereita só está preocupada por Plus Ultra” e pediu que se protexera de igual xeito ás empresas galegas nunha situación crítica. Rego apuntou que determinadas empresas teñen que ser protexidas polo seu interese estratéxico e as consecuencias sociais que pode provocar o seu peche.

Tamén criticou a xestión de empresas como Correos ou Navantia en Ferrol e pediu que sen eliminaran as restriccións a construcción naval civil.

No eido da vivenda, Oskar Matute, voceiro de EH Bildu, afeou o Goberno que ignorara a quinta condena das Nacións Unidas por vulnerar o dereito á vivenda.

Aitor Esteban, voceiro do PNB no Congreso, acusou ao Goberno por permitir ás viaxes internacionais mentres prohibe a mobilidade interior; Sánchez defendeuse alegando que só cumplen as recomendacións da Comisión Europea, que hai dous días pedía “coherencia” nas restriccións das viaxes no Estados e internacionais.

Murcia no debate

Outro dos temas que marcaron a sesión de control ao Goberno desta cuarta feira foi a moción de censura en Murcia cun intercambio entre Casado e Sánchez no que o presidente do PP presumía ter mantido os gobernos de Murcia e Castela e León. A resposta de Sánchez foi atacar a “corrupción e transfuguismo” do PP e a convocatoria “irresponsábel” de eleccións na Comunidade de Madrid.

A actualidade tamén pasa por Catalunya

O Pleno do Tribunal Constitucional nega por unanimidade nun novo auto a suspensión da pena de prisión dos presos políticos cataláns Jordi Sànchez, ex presidente da ANC; Jordi Turrull; Josep Rull e Joaquim Forn, ex consellers do Goberno catalán.

O recurso fora motivado pola sentencia do Tribunal de Apelación de Bruxelas o pasado 7 de xaneiro que rexeitara a entrega ao Estado español de Lluís Puig, ex conselleiro de Cultura da Generalitat; e que negaba a competencia do Tribunal Supremo para emitir a Euroorde contra Puig.

Amais, o Tribunal Constitucional nega que a sentenza do tribunal belga “en modo algún vencelle ou condicione a este Tribunal para a resolución dos recursos de amparo” e argüe que as razóns para denegar o recurso seguen a ser as mesmas.

Rull, Turull, Forn e Sànchez están pendentes dos seus recursos de amparo no Tribunal Constitucional, que xa desestimou os recursos das ex consellers Meritxel Borràs e Carles Mundó.

Os catro foron condenados en outubro de 2019 polo xuíz Manuel Marchena: Jordi Turull a 12 anos de cárcere por sedición e malversación; Joaquim Forn a 10 anos e 6 meses por sedición; Josep Rull a 10 anos e 6 meses por sedición e a Jordi Sànchez a 9 años por sedición.

Comentarios