Serbia e Kosovo seguen a folla de ruta de Washington e de Bruxelas

Mentres avanzan na integración na Unión Europea, os dous países comprometéronse con Donald Trump a abriren embaixadas para Israel en Xerusalén. 
EuropaPress_3300731_04_september_2020_us_washington_us_president_donald_trump_participates_with
photo_camera Os máximos mandatarios de Serbia, dos EUA e de Kosovo asinan o acordo económico en Washington (Casa Branca / Zuma)

As negociacións e conversas diplomáticas para que Serbia e Kosovo cheguen a unha normalización das relacións van  acompañadas de estratexias de alianzas dos EUA e da UE. 

Na segunda feira, 7 de setembro, nun comunicado conxunto emitido pola diplomacia comunitaria, Belgrado e Pristina subliñaron o seu compromiso co diálogo promovido por Bruxelas, clave para avanzar nas súas aspiracións de acabar facendo parte da Unión.

O comunicado chegou minutos antes de se iniciar en Bruxelas a segunda cimeira ao máximo nivel entre os dous países, onde participaron o presidente serbio, Aleksandar Vucic, e o primeiro ministro kosovar, Avdullah Hoti. Produciuse despois de a UE conseguir desbloquear as conversas o pasado xullo despois dun parón de 20 meses.

No encontro participaron o Alto Representante da UE para Política Exterior, Josep Borrell, e o enviado especial para o Diálogo, Miroslav Lajcak. Abordouse o asunto das minorías sociais e das persoas desprazadas, así como as reclamacións mutuas financeiras e de propiedades.

A cita chegou tamén tras o acordo asinado na sexta feira nos Estados Unidos entre Serbia e Kosovo, onde ambos os países pactaron normalizar as relacións económicas. 

A mediación de Washington, que parecía solaparse coa de Bruxelas, foi recibida con boas palabras por parte da diplomacia da UE. "Os documentos pactados en Washington, construídos de acordo a compromisos previos alcanzados polas dúas partes, pode contribuír a alcanzar un acordo completo e vinculante sobre a normalización das relacións", sinalou a oficina de Borrell nun comunicado.

Así mesmo, Belgrado e Pristina comprometéronse a redobrar os esforzos para se aliñar coa UE, de acordo ás súas respectivas obrigas, explica o texto. Bruxelas agarda que a aspiración de Serbia e de Kosovo de ingresar na UE sirva de estímulo para que ambas as partes avancen no proceso

"Estas conversas non son fáciles. Por iso estou feliz de ver o compromiso e o respecto mostrado polas dúas partes", afirmou o propio Borrell en declaracións aos medios.

Embaixada en Xerusalén.

O acordo económico de Belgrado e Pristina cos EUA ten outras implicacións. Tanto Serbia como Kosovo comprometéronse a abrir embaixadas en Xerusalén, tras a mediación de Trump. Kosovo converterase esta maneira no primeiro país de maioría musulmá en recoñecer esta cidade como capital de Israel, Estado que tamén recoñece a independencia kosovar.

"Quero darlle as grazas ao meu amigo o presidente Vucic de Serbia pola súa decisión de recoñecer Xerusalén como capital de Israel e trasladar a súa embaixada. Tamén quero dar as grazas ao meu amigo Donald Trump pola súa contribución a este logro", dixo o primeiro ministro israelí, Bejamin Netanyahu.

Mentres, o negociador xefe palestino e secretario xeral da Organización para a Liberación de Palestina (OLP), Saeb Erekat, advertiu de que "Palestina romperá relacións con calquera país que traslade ou abra a súa embaixada en Xerusalén".

"Instamos a todos os países a cumprir co dereito internacional, incluídas as resolucións 478 e 2334. Violar o dereito internacional é un sinal de debilidade, non de forza", manifestou a través dunha mensaxe publicada na súa conta de Twitter.

Os EUA recoñeceron en 2017 Xerusalén como capital de Israel e trasladaron alí a súa embaixada desde Tel Aviv en maio de 2018.

Comentarios